O coordinador federal de Izquierda Unida (IU), Cayo Lara, deu este xoves o seu apoio á coalición Alternativa Galega de Esquerdas como un proxecto "sólido e realista" e un "soplo de aire fresco" ao que lle agoira "moi boas expectativas" de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro, uns comicios que ve "con moita incertidume" en canto ao seu resultado pero nos que asegura que, confirmada a entrada de AGE no Parlamento, só queda comprobar con que forza o fai.
Nunha intervención pública na Coruña, logo da súa presenza en Ferrol, Cayo Lara asegurou que as eleccións galegas "están situadas no foco" e supoñen "unha partida de xadrez" que xoga o PP e tras a que se comprobará "se se lexitiman ou non as políticas levadas a cabo polo Goberno de Rajoy". Para o coordinador federal de IU, os comicios en Galicia "son cualitativamente máis importantes que os que se celebran en Euskadi e Catalunya", xa que os seus resultados interpretaranse "non sé en clave galega", senón tamén en estatal.
"As eleccións galegas son máis importantes que as vascas ou catalás", di Cayo Lara
"O principio do cambio en España pode empezar en Galicia; se non empeza e se se ratifica a Rajoy, ao día seguinte non nos valerá de nada chorar", engadiu Cayo Lara, que advertiu que outra maioría absoluta de Feijóo suporía "un rodillo" á hora de aplicar os axustes idéntico ao que o PP está a levar a cabo no Congreso dos Deputados. "A correlación de forzas no Parlamento estatal é cero e iso mesmo pode ocorrer aquí", dixo o líder da IU, que considera que unha vitoria dos conservadores no país suporía "un balón de osíxeno para Rajoy e para un maior drama para os cidadáns".
"Feijóo é corresponsable das políticas de Rajoy; non vin que levantar o dedo para opoñerse a elas"
Ademais, acusou a Feijóo de aplicar políticas semellantes ás de Rajoy pero en Galicia, ademais de cualificalo de "corresponsable" dos recortes e axustes levados a cabo polo Goberno central. "Non vin que levantara o dedo dentro do PP para opoñerse ás súas políticas", lembrou, tras repetir a súa louvanza á coalición formada por Esquerda Unida, Anova, Equo e Ecosocialistas de cara ao 21-O. "O acordo nesta coalición, máis que sumar multiplica", manifestou, tras advertir de que, ademais de sumar formacións políticas, ao proxecto "sumarase tamén un sector importante da sociedade".
Preguntado por se cre que os casos de corrupción xurdidos en Galicia poden afectar á participación nas eleccións, Cayo Lara foi claro: "Se a xente dá as costas ás urnas... Os cambios deben vir nas urnas e a través do Estado de dereito; as protestas están ben, pero deben ser consolidadas coa representación política". Ademais, insistiu en que en política "non todos son iguais" e lembrou que IU actúa con contundencia contra a corrupción, tanto fóra como dentro da coalición. "Hai alternativa política de xente honesta", engadiu.
O coordinador de IU comprometeuse a presentar no Congreso todas as iniciativas posibles para o dique flotante
Ademais, Cayo Lara comprometeuse en Ferrol a presentar todas as iniciativas posibles para o dique flotante no Congreso, logo dunha xuntanza con delegados dos traballadores de Navantia no Concello, ademais de reclamar que o Goberno faga público o contrato asinado con Pemex para a construción de dous buques hotel en Galicia.
No acto, Cayo Lara estivo acompañado pola número dous de AGE ás eleccións, Yolanda Díaz, que o acompañou tamén á presentación da candidatura de AGE na Coruña, onde tamén asistiron o voceiro de EU no Concello da Coruña, César Santiso; e Mariluz Canal, histórica militante de esquerdas da Coruña e membro tamén das listas ao Parlamento galego.