CCOO pide o voto para "quen estivo preto dos traballadores, os parados e os pensionistas"

Sánchez Aguión e Maica Bouza, de CCOO Dominio Público @ccoogalicia

Comisións Obreiras chamou este martes aos traballadores e cidadáns galegos a que participen nas eleccións do vindeiro domingo e a votar a opción “que mellor represente os seus intereses” e a aqueles partidos que “estiveron perto dos traballadores, os parados e os pensionistas nestes tempos difíciles e na defensa dos máis desfavorecidos”.

Para o secretario xeral de CCOO-Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, cre que os galegos terán “a posibilidade de decidir” se validan ou non as políticas do PP que, segundo o sindicato, “levan á ruína social”. Se non optan pola dereita daranlle “a oportunidade a outras opcións políticas que teñan as persoas como referente”.

CCOO lembra que os galegos terán "a posibilidade de decidir se validan ou non as políticas do PP"

Tanto Sánchez Aguión como a responsable de Emprego de CCOO, Maica Bouza, presentaron unha resolución do sindicato no que se achegan propostas para os partidos, pero na que tamén se insta aos cidadáns a aproveitar “a oportunidade para deter co seu voto os recortes económicos e de dereitos sociais e laborais”.

CCOO fixo balance da lexislatura, para destacar que desde a chegada de Feijóo á Xunta, os recursos do Goberno caeron case un 30%. Segundo Sánchez Aguión, “hai dúas evidencias: unha é que os investimentos non se destinaron a reactivar a economía, e outra que os recortes non se aplicaron ao gasto superfluo”.

O sindicato lembra que desde a chegada de Feijóo os recursos do Goberno caeron case un 30% e aumentou o paro en 135.000 persoas

Para CCOO, as políticas populares “provocan o maior retroceso en dereitos laborais e sociais que se lembra” e tras o que se agocha un discurso “baleiro e falaz da austeridade” que equivalen a “recortes que prexudican os sectores máis desfavorecidos da cidadanía”.

“A situación en Galicia é dun retroceso de dez anos”, alertou Bouza, que destacou a perda de 135.000 empregos e o incremento da taxa de paro do 13% ao 21%, cun número de desempregados de case 300.000 persoas. Así, advirte de que “o primeiro” que debe facer o Executivo que saia das urnas é “actuar sobre os ingresos públicos” para aumentalos a través do tramo autonómico do IRPF e doutros impostos nos que a autonomía ten competencia.

Ademais, instan á nova Xunta a que aposte por manter os servizos públicos e a reactivar o emprego, polo que CCOO propón unha liña “específica” para os parados sen prestación, así como aproveitar nichos laborais como “o emprego verde”. Do mesmo xeito, solicita apoio a sectores claves como o textil, o naval ou o automobilístico, para o que será necesario “presionar” no Goberno central.

"É desexable ampliar a presenza nas institucións de opcións progresistas, abrendo o paso a forzas con novas ideas e novas prácticas"

“Ante o pensamento único de que só hai unha saída, é posible articular políticas distintas”, insistiu Sánchez Aguión, que chama a votar porque “a necesidade de consolidar o sistema democrático esixe que nestas eleccións haxa un alto grao de participación”. “É desexable, para garantir a saúde da democracia, ampliar a presenza nas institucións políticas de opcións progresistas que reflictan a pluralidade ideolóxica da sociedade, abrendo paso no Parlamento a outras forzas políticas que acheguen novas ideas e novas prácticas”, finalizou.

Sánchez Aguión e Maica Bouza, de CCOO Dominio Público @ccoogalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.