Cifuentes xustifica coa unidade de España a súa "alianza" con Feijóo

Cifuentes e Gabilondo, este xoves na Asamblea de Madrid debatindo sobre a alianza con Galicia CC-BY-SA Praza Pública

“Quero rematar esta pregunta manifestando unha vez máis o noso apoio ao Goberno de España, aos partidos constitucionalistas e por suposto ás forzas e corpos de seguridade do Estado e a todos os que están garantindo xa que a orde se restableza en Catalunya, esa parte tan querida de España”. Así respondeu a presidenta da Comunidad de Madrid, a popular Cristina Cifuentes, á pregunta que lle formulou este xoves o portavoz do PSOE na Asamblea de Madrid, Ángel Gabilondo, sobre a declaración institucional asinada a xeito de alianza a pasada semana por ela mesma cos presidentes galego e castelán leonés. Se diversas voces criticaran o oportunismo partidista do encontro, presentándoo na práctica como unha declaración en apoio da unidade de España, este xoves a propia Cifuentes ratificouno na súa resposta.

“Esta declaración nace da afinidade ideolóxica” e nun “momento político” con “outros obxectivos”, censura o portavoz socialista na Asamblea de Madrid

“Parecería que, en última instancia, esta declaración nace da afinidade ideolóxica ou de partido dos asinantes”, expuxera previamente Gabilondo. “Basta fixarse no momento político en que se asina esta declaración para comprender que hai outros obxectivos” máis aló da cooperación entre as tres comunidades, dixo o socialista, para quen “non queda claro que os intereses compartidos, nesa declaración, sexan só intereses reais das comunidades”. Gabilondo tamén criticou que “a reivindicación na declaración dunha visión claramente municipalista contrasta coa efectiva acción” do goberno de Cifuentes, que vén obstaculizando actuacións do Concello de Madrid do mesmo xeito que a Xunta o fai con concellos non gobernados polo PP.

"Calquera comunidade autónoma que queira unirse, pode facelo", dixo tamén Cifuentes sobre a alianza asinada con Galicia

A resposta de Cifuentes foi a antedita defensa dunha Catalunya española e a aseveración de que a asinada con Galicia e Castela e León “é unha alianza repleta de contido”. En pleno conflito catalán, os seus asinantes presentárona como un marco no que “promover un novo modelo de financiamento autonómico”. “Non é un acordo pechado, calquera comunidade autónoma que queira unirse, pode facelo”, dixo tamén, cunha afirmación que por unha banda vai na liña xa iniciada pola Xunta de diluír con máis incorporacións os órganos de cooperación interterritorial de ámbito reducido que xa viñan funcionando con outras rexións europeas e que, por outra, suporía achegar o novo foro de debate ao que xa supón a conferencia de presidentes autonómicos que de xeito regular se reúne no Senado co financiamento como principal asunto recorrente.

Na súa defensa da alianza, a Xunta argumentou en días pasados que hai “intereses comúns” que as tres comunidades están interesadas en defender conxuntamente e indicou que a declaración suporá a posta en marcha dun "foro económico e social das tres comunidades" que se reunirá cada ano, estratexias conxuntas de "comunicación das súas respectivas marcas Territorio Castilla y León, Galicia Calidade e M de Madrid" ou impulsar un "Foro de Rexións estable de intercambio de coñecemento orientado ao desenvolvemento de políticas de mitigación e adaptación fronte ao fenómeno do cambio climático”. A Xunta afonda así na súa política de diluír diluír en novos foros outras experiencias máis asentadas de cooperación interterritorial como a hai tempo estancada Eurorrexión co Norte de Portugal.

Feijóo, con Cifuentes e Herrera na sede da Comunidad de Madrid © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.