CIG-Ensino gaña as eleccións sindicais no ensino público e revalida a súa maioría

Mobilización da CIG-Ensino CC-BY-NC-SA CIG Ensino

A CIG volveu gañar as eleccións sindicais no ensino público galego. Co 100% dos votos escrutados en Pontevedra, Lugo e Ourense e co 80% na provincia da Coruña, o sindicato nacionalista revalida o seu liderado ao obter 60 delegados en toda Galicia, máis do dobre dos 28 conseguidos por CCOO e tamén por riba dos 18 que sacou ANPE, os 14 de UGT, os 12 de STEG e os 10 do CSIF. 

CIG-Ensino revalida o seu liderado ao obter 60 delegados, máis do dobre dos 28 de CCOO e por riba dos 18 de ANPE, os 14 de UGT, os 12 de STEG e os 10 do CSIF

A falta de completar o escrutinio, o sindicato USDG non tería obtido representación tras unhas eleccións que, segundo CIG-Ensino, "afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático, participativo e próximo ao profesorado" que representaría a central nacionalista.

CIG-Ensino agradece "a confianza e o apoio que o profesorado vén de amosar co seu voto maioritario". Este apoio que se traduce na representación maioritaria na Mesa Sectorial, con 8 representantes fronte aos 7 que sumarían o resto de sindicatos. "Supón un aval e un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos catro anos, á nosa  oposición ás afrontas e abusos da Consellaría, ao noso combate permanente contra a Lomce e á nosa loita contra os recortes dos dereitos salariais e contra os ataques ao noso idioma", din. 

A CIG obtivo así, á falta de completarse o reconto, un nivel de apoio ao logrado nas eleccións de 2014, cando apañara o 46% dos votos e obtivera 62 delegados e delegadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.