En todos os concellos de Galicia celebráronse este mediodía concentracións de homenaxe ás vítimas do sinistro. Na Praza do Obradoiro, na Praza de Maria Pita, ou na Praza Maior de Ourense foron centos os cidadáns que acompañaron os representante políticos e traballadores das administracións. E tamén en Rianxo, Brión, Oroso e outras moitas vilas. As concentracións repetíronse noutros escenarios, algún particularmente simbólico coma o Hospital Clinico de Santiago, e tamén nalgunha estación de tren, coma a de Pontevedra. Tamén houbo homenaxe por parte dos afectados polas preferentes, que mantiveron as habituais protestas ante as sedes de NGB, pero de forma silenciosa.
No Parlamento tamén se concentraron os deputados e deputadas e o persoal da Cámara. O Parlamento aprobou unha declaración institucional en solidariedade coas familias das persoas que perderon a vida. O texto recoñece de maneira especial "o esforzo desenvolvido por todos os profesionais que traballan na atención ás vítimas e ás súas familias" e expresa tamén o seu "recoñecemento ás veciñas e aos veciños de Santiago de Compostela que colaboraron nas tarefas de rescate e ás persoas voluntarias que se ofreceron para prestar apoio ás vítimas, para doar sangue ou a través de calquera outra manifestación de solidariedade".
A Policía Científica rebaixou a 78 o número de falecidos no accidente do tren en Compostela. Seis destes cadáveres están sen identificar. Hai 83 feridos, dos cales 27 permanecen en estado crítico. Tamén se ofreceron datos oficiais sobre as 72 vítimas mortais. Delas, 28 son galegas, 11 de Madrid, 8 de Castela e León, 5 de Andalucía, 3 de Castela A Mancha, 2 do País Vasco, 2 de La Rioja, 2 da Comunidade Valenciá e 5 doutras comunidades autónomas. Entre as vítimas hai tamén persoas de México, Estados Unidos, Colombia e República Dominicana.
O maquinista do tren descarrilado permanece detido dende as 20.00 horas do xoves imputado pola Policía "por imprudencia en relación cos feitos producidos".