CiU, ERC e ICV-EUiA votarán a favor do referendo de autodeterminación

Artur Mas, durante unha intervención ante a prensa © GenCat

CiU, ERC, SI e ICV-EUiA votarán este xoves a favor da proposta de resolución conxunta que asume o compromiso de "consultar" durante a vindeira lexislatura ao pobo catalán a posibilidade de que Catalunya se constitúa como Estado propio. A declaración foi redactada e asinada polo presidente do grupo de CiU no Parlament, Oriol Pujol, e polo líder de ERC, Oriol Junqueras. ERC pedía que o texto fixase xa unha data -previsiblemente en 2014- pero finalmente CiU impuxo o seu criterio de non acoutar os ritmos do proceso. 

ERC pedía que o texto fixase xa unha data -previsiblemente en 2014- pero finalmente CiU impuxo o seu criterio de non acoutar os ritmos do proceso

ICV-EUiA vén de reafirmar que votará a favor desta proposta, aínda que presentará a súa propia na que chama a partidos políticos, axentes sociais e entidades a chegar a un "Acordo Nacional para o Exercicio do Dereito a Decidir o máis amplo posible" a fin de que os cataláns poidan expresar "durante a próxima lexislatura, a través dun referendo ou dunha consulta, a súa vontade". Joan Herrera criticou, así e todo, o "intento de Mas de vincular o dereito a decidir coa súa persoa".

A coalición conservadora viviu nas últimas horas un debate interno sobre as palabra de Artur Mas de que o referendo se convocaría "co aval do Estado español ou sen el". O líder de Unió Democràtica de Catalunya, Josep Antoni Durán Lleida, afirmou que CiU se cinxirá á lei á hora de convocar unha consulta. Durán, que dixo non ser "independentista" afirmou que CiU "non fará disparates". Pola súa banda o PSC non votará esta resolución pero a través do responsable do seu grupo, Xavier Sabaté, apoiará un referendo "por vías legais para que os cataláns decidan libremente o seu futuro. PP e Ciutadans votarán en contra.

Os recortes sociais efectuados polo goberno de Artur Mas ficaron relegados a un segundo plano

Este será o tema clave nun debate de política xeral no que os recortes sociais efectuados polo goberno de Artur Mas ficaron relegados a un segundo plano. Porén, ERC, ICV-EUiA e PSC puxeron sobre a mesa as denuncias que dende distintos colectivos se vén facendo á politica de CiU.

Artur Mas, durante unha intervención ante a prensa © GenCat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.