Ciudadanos insiste: “Baltar terá que marchar se Feijóo quere o noso apoio”

Albert Rivera, Juan Carlos Girauta e Cristina Losada, con outros candidatos este sábado na praza de Praterías de Santiago Dominio Público Ciudadanos

Girauta amósase esixente co PP nun acto no que Rivera asegura que se o seu partido é “decisivo”, “en menos dun mes haberá goberno en Galicia” do PP apoiado por Ciudadanos

“Baltar terá que irse á súa casa se Feijóo quere contar co apoio de Ciudadanos a un goberno do PP en minoría”, insistiu este domingo Juan Carlos Girauta, número 2 de Albert Rivera, acompañando ao seu líder e á candidata á presidencia da Xunta, Cristina Losada, nun mitin na praza de Praterías de Santiago. No acto, ao tempo que Girauta se amosaba esixente, Rivera aseguraba que, se o seu partido é “decisivo”, “en menos dun mes haberá goberno en Galicia” do PP apoiado por Ciudadanos.

A condición de que Baltar abandone a Deputación de Ourense pola súa imputación por prevaricación e suborno por supostamente ofrecer un emprego a cambio de sexo a unha muller tamén investigada na mesma causa puxérona sobre a mesa Girauta e Losada o pasado mércores. O xoves Feijóo insinuou que Ciudadanos muda de opinión constantemente e amosou o seu convencemento de que os votantes de Rivera prefiren que non goberne “Podemos cos nacionalistas” antes que a marcha de Baltar, polo que lles pediu que voten directamente ao PP. E malia que o venres o propio Rivera insistiu coa condición da marcha de Baltar e este sábado retomouna Girauta, os populares xa non volveron pronunciarse sobre a cuestión.

Rivera asegura que o seu partido non pedirá cargos nunha negociación co PP senón "pactos contra a corrupción"

Este sábado, en Praterías, Rivera deu por feito que o PP gañará as eleccións e incidiu en que o importante é saber se vai poder “facer o que lle dá a gana”. Para que iso non pase, asegurou que Ciudadanos aspira a ser decisivo e imporlle ao PP condicións para formar goberno en minoría, pero tamén asegurou que, se iso pasa, “en menos dun mes haberá goberno en Galicia”. Nesa liña, tamén asegurou que Ciudadanos non pedirá “direccións xerais, asesores políticos ou cargos de confianza” senón “cambios e pactos contra a corrupción”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.