Cando, en abril de 2009, o Parlamento de Galicia retomou a súa actividade a banda esquerda da Cámara aínda estaba sumida no desconcerto da derrota inesperada tras unha durísima campaña e a dereita, o PP, flotaba sobre a nube da vitoria. Os de Alberto Núñez Feijóo tiñan menos votos que a suma de PSdeG e BNG e só os superaban nun escano, pero lograron impoñer o relato do triunfo esmagador. Tres anos e medio despois, tal día como este venres de hai catro anos, Feijóo perdía uns 130.000 votos pero alargaba a súa maioría, dando lugar a un novo Parlamento que botou a andar coa chegada de AGE, con Xosé Manuel Beiras á fronte, como gran novidade. Este 21 de outubro o Pazo do Hórreo acolleu a concreción da terceira absoluta dos conservadores, botando a andar unha lexislatura na que rachar coa inercia semella o primeiro dos retos, moi especialmente para a nova oposición.
As semanas seguintes ao 25S foron, como cabía agardar, de extraordinaria pracidez para o partido gañador, e así chegou á sesión constitutiva da Cámara. As únicas incógnitas das horas previas á sesión residían en saber os nomes elixidos por Feijóo -formalmente, este venres finalizaban as 48 horas das consultas aos 41 membros do Grupo Popular- para acompañar na Mesa do Parlamento a Miguel Santalices, deputado máis veterano que concluirá a súa traxectoria no lexislativo como presidente. Minutos antes das 11, hora marcada no decreto da convocatoria electoral, o PP revelaba que os elixidos eran o coruñés Diego Calvo e a lucense Raquel Arias, dous movementos en clave interna -Calvo é o home forte do PP na súa provincia e Arias saíu derrotada da contenda fronte a Elena Candia- que anticipan un cambio de caras nas delegacións da Xunta na Coruña e Lugo.
Coa designación resolta e os postos da oposición xa pactados -cunhas negociacións notablemente menos tensas que as de hai catro anos-, o protagonismo foi para os xestos da cerimonia, con especial atención ás deputadas e deputados que chegan ao Parlamento por primeira vez, maioría mesmo antes de que corra a lista do PP tras o reparto de altos cargos na Xunta. Así, por exemplo, o voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou antes do pleno a tribuna de convidados xunto ao número dous da formación por Ourense, David Rodríguez, para tomaren unha foto xuntos do día da súa estrea. Pola banda do BNG a primeira protagonista foi Olalla Rodil, deputada por Lugo, a quen por ser unha das deputadas máis mozas do lexislativo lle correspondeu facer parte da Mesa de Idade xunto a Paula Quinteiro (En Marea) e o popular Carlos López Crespo, o parlamentario de máis idade.
As votacións da Mesa transcorreron sen sobresalto ningún e, tras elas, Santalices tomou xuramento ou promesa dos seus cargos aos deputados e deputadas. Como era de agardar, os representantes de PP e PSdeG axustáronse estritamente á fórmula regulamentaria -xuramentos e promesas da Constitución e do Estatuto, nos populares, e só promesas nos socialistas-, mentres que a maioría de membros de En Marea e BNG optaron por agregar unha promesa de seu. Villares, por exemplo, prometeu no nome "dunha marea de alegría e de ilusión" a prol da "dignidade" da cidadanía: "Comprometo a miña palabra e se necesario fose, a miña vida", rematou. A líder do Bloque, Ana Pontón, comprometeu a defensa "dos dereitos nacionais e sociais de Galiza" e, como todo o seu grupo, prometeu o cargo "por imperativo legal" xunto a un caravel e un exemplar do Sempre en Galiza de Castelao.
Unha vez constituída a Cámara, o intercambio de saúdos e apertas entre membros dos grupos e coas persoas convidadas -dende representantes de colectivos sociais a membros do Congreso, ex-deputados como Xosé Manuel Beiras, alcaldes e alcaldesas ou os antigos presidentes da Cámara José María García Leira e Tomás Pérez Vidal- serviu de peche da xornada mentres o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga comprometía "decisión, interese e eficacia" no labor de oposición e entre os populares se pensa xa na conformación do Goberno, así como no significado interno dos nomeamentos da Mesa. Uns e outros teñen ante si o reto de ir alén do esperado. De que a política galega non marche por inercia burocrática ata a apertura, desta volta si, do debate da sucesión de Alberto Núñez Feijóo.