Como evitou Feijóo o castigo nas urnas

Votos perdidos por Feijoo e López por cada novo desempregado © Piedras de Papel

Lluís Orriols publica no blog Piedras de Papel unha análise sobre por que o PSdeG sufriu en Galicia un desgaste superior ao do PPdeG

Existe na política unha regularidade empírica universal: cando aumenta o paro, os gobernos perden votos e cando se crea emprego, as opcións de supervivencia do goberno aumentan. Os expertos chámano “voto económico” e é o culpable da caída de case todos os gobernos europeos que tiveron unha cita nas urnas nos últimos anos. Polo xeral, os expertos calculan que os gobernos perden ao redor dun punto porcentual de apoio electoral por cada aumento dun punto da taxa de paro. Así, segundo esta regra, o PSE de Patxi López debería retroceder 4 puntos porcentuais e o PP de Feijóo 9 puntos. A realidade foi outra ben distinta. Os socialistas vascos multiplicaron case por catro o castigo electoral que cabería esperar (12 puntos) e, en cambio, en Galicia, o desgaste do PP foi practicamente imperceptible (1 punto). Como se explica este paradoxo? Por que a economía quedou á marxe das urnas en Galicia?

Os expertos calculan que os gobernos perden ao redor dun punto porcentual de apoio electoral por cada aumento dun punto da taxa de paro. Así, segundo esta regra, o PSE de Patxi López debería retroceder 4 puntos porcentuais e o PP de Feijóo 9 puntos

A priori, os datos económicos e de opinión pública deberían levarnos á conclusión de que o goberno galego merecía un castigo electoral maior que o goberno vasco. Por unha banda, a economía deteriorouse moito máis en Galicia que no País Vasco. Fixémonos no desemprego: durante o último mandato, o emprego caeu case oito puntos en Galicia, unha porcentaxe superior á media española e que representou nada menos que o dobre comparado co País Vasco. Polo outro lado, as percepcións económicas dos cidadáns antes das eleccións foron máis negativas en Galicia. O 68% dos galegos consideraban a situación económica mala ou moi mala (58% no País Vasco) e o 41% valoraban negativamente a xestión do goberno galego (36% no País Vasco). En suma, se a economía ten algunha influencia sobre as eleccións (que polo xeral a ten, e moito) deberiamos ver un maior desgaste electoral do Goberno de Feijóo que do de Patxi López.

No entanto, os resultados electorais non parecen axustarse á tese do voto económico. No País Vasco o aumento do paro debe ir acompañado dun desgaste do goberno e, con todo, en Galicia non. As diferenzas entre o ocorrido nestas dúas comunidades non parecen fáciles de explicar.  Aínda así, tras o maratoniano faladoiro que onte Pedras de Papel compartiu cos seus compañeiros de Politikon, aventuraríame a avanzar dúas posibles explicacións.

(I) É posible que o desgaste do PSOE nestas eleccións autonómicas forme aínda parte da vía crucis ao que está a ser sometido o partido tras o fracaso económico do segundo mandato do Rodríguez Zapatero. Como é sabido, as eleccións autonómicas están altamente contaminadas polo que sucede no ámbito nacional, polo que os cidadáns non só teñen en conta o que ocorre nesa comunidade senón a situación de España no seu conxunto. Desde esta óptica, os dous Patx/chis tiveron que carrexar a pesada laxa do descrédito do PSOE a nivel nacional.

No País Vasco, os votantes socialistas terían unha alternativa dixerible, en cambio, en Galicia os votantes populares non

Trátase dun argumento atractivo, pero deixaríanos sen explicar por que Feijóo non tivo que soportar o enorme desencanto cidadán co Goberno de Mariano Rajoy. Rajoy cultiva suspensos históricos con valoracións próximas ao 3 sobre 10, polo que deberiamos esperar unha situación análoga á do PSOE. Así, deberiamos observar como os cidadáns usaban as eleccións autonómicas para mandar unha mensaxe de alerta ao inquilino da Moncloa.

(II) Quizais unha explicación máis plausible das diferenzas entre o 21O galego e o vasco estea relacionada coa imaxe do principal partido da oposición. En concreto, no País Vasco, os votantes socialistas terían unha alternativa dixerible, en cambio, en Galicia os votantes populares non.

No caso vasco, moitos votantes do PSE tiveron moi poucos reparos en votar ao PNV para castigar o goberno de Patxi López. Segundo as enquisas pre-electorais a maior parte de fugas de votos do PSE foron parar ao PNV (deixando á marxe os indecisos). É dicir, os votantes socialistas desafectos co goberno puideron ver o principal rival como unha alternativa potable para castigar ao goberno.

En Galicia as visións negativas sobre o PSdG eran tres veces maiores (até acadar o 68%) entre os votantes do PP

En cambio non sucedeu o mesmo no caso galego, onde os votantes do PP non viron o PSdG como un refuxio aceptable.  Apenas un terzo dos votantes do PSE en 2009 valoraban negativamente o labor do PNV na oposición. Con todo, en Galicia as visións negativas sobre o PSdG eran tres veces maiores (até acadar o 68%) entre os votantes do PP. Por tanto, aínda que os votantes galegos puidesen ter a tentación de castigar o goberno do PP, a maioría deles atopáronse orfos de opcións alternativas. Para este colectivo, o goberno de coalición PSdeG-BNG-AGE presentábase como unha opción pouco atractiva e afastada das súas preferencias. Claramente, os socialistas galegos tiveron un grave problema de imaxe entre os potenciais votantes populares descontentos co goberno de Feijóo.

É certo que os cidadáns adoitan castigar os gobernantes cando aumenta o paro, pero iso non exclúe que a oposición deba pór algo do seu parte

En definitiva, Galicia ofrécenos unha lección que parece obvia pero que con frecuencia esquecemos. Non sempre a mellor estratexia para o partido na oposición é “meterse na cama” e esperar a que a crise económica faga soa o traballo de acabar co goberno. É certo que os cidadáns adoitan castigar os gobernantes cando aumenta o paro, pero iso non exclúe que a oposición deba pór algo do seu parte.

Votos perdidos por Feijoo e López por cada novo desempregado © Piedras de Papel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.