Compostela aproba os seus orzamentos cos únicos votos negativos do PP

Pleno extraordinario de orzamentos en Compostela Dominio Público @pazoderaxoi

Santiago vén de aprobar os seus orzamentos para o ano 2017. Cos votos a favor do grupo de goberno de Compostela Aberta e do BNG, as contas saíron adiante este sábado malia non contar co apoio do PP, que votou en contra, pero si coa abstención do PSdeG. 

A abstención do PSdeG uniuse aos votos a favor de Compostela Aberta e BNG para aprobar as contas

Ao contrario do que sucedeu na Coruña, onde socialistas e a Marea Atlántica non foron quen de chegar a un acordo, o PSOE optou na capital galega por absterse. "Non pagaba a pena someter a Santiago ao desgaste que supón unha cuestión de confianza", asegurou o seu voceiro, Francisco Reyes, sobre unha figura pola que optou o goberno local da Coruña, con alcalde en funcións durante polo menos un mes tras recibir o voto negativo dos socialistas e do PP na moción

Logo da celebración este sábado do pleno extraordinario, o alcalde Martiño Noriega quixo "agradecer" aos grupos a súa "capacidade de diálogo" e avogou por "prorratear esforzos e coñecementos". Desde o PSOE, Paco Reyes gabou un "proceso de negociación correcto" e cre que "non se pode negar que, sendo os orzamentos de Compostela Aberta "teñen unha importan socialista" ao incorporarse "proxectos en investimentos que son resultado de acordos plenarios". 

"Non pagaba a pena someter a Santiago ao desgaste que supón unha cuestión de confianza", di o voceiro do PSdeG

Desde o PP, pola súa banda, Agustín Hernández xustificou o voto negativo por ser "marxinado" o seu grupo. "Non se pode dar a poio a quen non o pide", asegurou o voceiro, que acusou a Compostela Aberta de "seguir incrementando o endebedamento". A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas,  negou as palabras dos populares e lembroulles que o executivo local "reduciu o endebedamento do Concello desde os 45 aos 33 millóns". 

Ante as palabras e acusacións de Hernández, Rozas pediulle ao PP "unha valoración máis elaborada, seria e rigorosa" e advertiu que o goberno enviou a documentación sobre as contas ao seu grupo "con 17 dáis de antelacións". "Vostede como alcalde non o fixo", aclarou, logo de debullar unhas contas "expansivas" que ascenden a máis de 106 millóns de euros e que, segundo dixo, son "orzamentos participativos froito dun proceso de diálogo coa oposición" e con "proxectos concretos que son demandas históricas da veciñanza de Santiago". 

Desde o BNG, o seu voceiro Rubén Cela destacou como "moi positivo" das contas a captación de fondos e aclarou que o seu grupo entregou xa en novembro un documento con propostas porque decidiu "apostar polo diálogo". 

Ademais, no pleno tamén se aprobou a incorporación dos remanentes dos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (Edusi), que suman un total de 2,6 millóns de euros. 

Pleno extraordinario de orzamentos en Compostela Dominio Público @pazoderaxoi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.