Compromiso acorda non participar nas deputacións provinciais

Imaxe do I Congreso Nacional de Compromiso por Galicia Dominio Público @ifranes

Compromiso por Galicia (CxG) celebrou este domingo en Padrón o seu I Congreso Nacional, que serviu para reelixir a Xoán Bascuas como secretario xeral da formación e tamén para escoller a nova Comisión Executiva Nacional e o novo Consello Político Nacional, composto por 30 persoas. No encontro participaron ao redor de 400 afiliados e afiliadas, que tamén aprobaron estatutos e un documento político, coa vista posta nas citas electorais máis inmediatas, sobre todo as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. 

Aprobouse tamén o informe de xestión, cun 93,9% de votos a favor e 6,1% de abstencións, sen votos en contra. Ao acto de clausura acudiron case 20 asociacións e delegacións representativas do tecido social galego, ademais de representantes do BNG, Anova e Cerna.

A cambio, Compromiso "participará na promoción dunha organización municipal distinta", sinala Bascuas

Acordouse, logo dun intenso debate, non participar nas Deputacións Provinciais por consideralas “inútiles", "unha cova de caciques" e porque significan "unha forma vetusta de organizar o Estado" e, ademais, "foron utilizadas polo PP para recentralizar competencias", destaca Xoán Bascuas, que di que esta decisión se basea en que "somos consecuentes, non participamos en algo no que non estamos de acordo". Os cargos e representantes de CxG tampouco participarán na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nin na Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). A cambio, Compromiso "participará na promoción dunha organización municipal distinta", sinala Bascuas.

De igual xeito, no formato de proposta de resolución, acordouse “facer un chamamento aos galeguistas e nacionalistas para conformar unha candidatura unitaria nas vindeiras eleccións xerais para que Galicia e o galeguismo teñan voz nunha máis que previsible reformulación territorial o Estado”, unha necesidade cualificada como “de vital importancia”. "O bipartidismo está en crise e pode darse o caso de que nas eleccións do ano que vén o PP e os seus aliados non obteñan 140 deputados, que representan os dous quintos da cámara e, polo tanto, a minoría de bloqueo que podería impedir unha reforma constitucional", explica Bascuas. "Que ocorre se chegamos a ese escenario e non hai unha voz nitidamente comprometida coa defensa do país? Pois que Galicia estará fóra do debate da reforma constitucional. Quen estará aí para facer valer os dereitos nacionais de Galicia?", engade. "É unha reflexión que temos que facer", conclúe.

No discurso de clausura Xoán Bascuas chamou a "propor transparencia, igualdade, Estado de Benestar, autogoberno e aire fresco á política” ante a situación de crise, desemprego e recortes e en oposición á "crispación e ao discurso incendiario”. Bascuas apostou por “centrarse nas eleccións municipais”, uns comicios “a pé de obra, con contacto directo, onde non pesan tanto o soporte mediático como as propostas que se fagan en positivo para a mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”. 

Bascuas apostou por “centrarse nas eleccións municipais”, uns comicios “con contacto directo, onde non pesan tanto o soporte mediático como as propostas que se fagan en positivo para a mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”

En canto á presentación de candidaturas para as eleccións municipais, serán as propias agrupacións locais de CxG as que decidan se se presentan de forma independente ou se nalgúns casos optan por integrarse nalgunha plataforma, candidatura cidadá ou outra fórmula. Bascuas destacou os procesos de primarias iniciados por Compromiso por Galicia “con candidatos non do partido, senón do conxunto da cidadanía, xa escollidos en Ourense, Santiago, Vigo, Pontevedra, A Baña, Samos e Taboadela”.

"Estas non son unhas eleccións máis, son o verdadeiro punto de partida para Compromiso"

"Compromiso sempre camiñou poñendo un pé diante do outro, con paso firme. O primeiro paso para nós é poder ter un artellamento territorial real, e sobre ese artellamento construír país" -explica Bascuas- "A consolidación dun partido político depende da súa implantación territorial, que se consegue coa constitución de agrupacións nas vilas e concellos e tamén acadando representación institucional neles". "Estas non son unhas eleccións máis, son o verdadeiro punto de partida para Compromiso", conclúe.

Imaxe do I Congreso Nacional de Compromiso por Galicia Dominio Público @ifranes
Imaxe do I Congreso Nacional de Compromiso por Galicia Dominio Público @MSambade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.