Compromiso por Galicia aposta por formar parte da coalición electoral que teñen pechada xa Anova e Esquerda Unida de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Até última hora deste xoves celebráronse en varios puntos de Galicia diversas asembleas comarcais que, a falta dos datos definitivos das votacións, decidiron por maioría que CxG busque a fórmula de integrarse na fronte ampla.
A falta dos datos definitivos, CxG confirma que o 'si' á coalición venceu nas asembleas comarcais
Nun comunicado emitido a última hora deste xoves, CxG asegurou "estar en disposición de participar nunha coalición técnica con Anova e Esquerda Unida" que, segundo a formación, debería "sustentarse sobre os piares do autogoberno, do Estado do Benestar e da defensa da democracia”, así como nunha confección de candidaturas “plural e representativa”. Aínda que houbo reticencias nalgunhas zonas, como Valdeorras ou Ferrolterra, fontes consultadas por Praza aseguran que a aposta pola coalición foi maioritaria.
Compromiso cre que a alianza "debe sustentarse no autogoberno, o Estado do Benestar e a defensa da democracia”
Ademais, no mesmo comunicado, Compromiso "insta" a EU e Anova a que "se pronuncien para pechar elementos de funcionamento e ofertarlle unha alternativa galega renovadora e transformadora á sociedade". Do mesmo xeito, anuncia que os resultados definitivos das votacións nas diferentes agrupacións comarcais faranse públicas na tarde deste venres.
Malia que Compromiso por Galicia asegurara desde un principio que a súa oferta consistía en intentar un acordo con Anova e non con forzas "non centradas no país" -en clara referencia a EU-, o Consello Nacional celebrado o pasado martes deu un xiro logo de que diversos sectores das tres formacións que forman parte do partido optasen por intentar unha inclusión na denominada Syriza galega e a expensas do que se decidise nas asembleas locais. Polo momento, CxG adiou a celebración das primarias ao día 15 para "non condicionar posibles pactos".
Espazo Ecosocialista, un dos grupos de Compromiso, mantivo a súa aposta pola fronte ampla, mentres que tanto en Máis Galiza como en Acción Galega houbo división respecto da mellor opción. Pero o tempo esgotábase. Este venres era o límite co que conta CxG para decidir se se inclúe ou non nesa "coalición técnica" conformada por Anova e Esquerda Unida e foron numerosos os contactos que se manteñen entre os distintos partidos, incluídos entre CxG e EU.
É agora cando chega o tempo das negociacións do programa, nas que se incluiría a Equo Galicia, que aceptou tamén negociar a súa entrada na fronte. Esta coalición técnica permitiría rachar calquera tipo de acordo ante das eleccións no caso de as formacións non fosen quen de artellar un programa conxunto ou de que, cousa improbable, as bases de EU rexeitasen a coalición.
Yolanda Díaz abre a porta á inclusión de Compromiso na fronte, aínda que "dubida" que acepten o programa que negocia con Anova
Respecto disto, a coordinadora xeral de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, asegurou este xoves nunha entrevista en Radio Coruña que "dubida" que Compromiso comparta o programa electoral no que traballan Anova e a súa formación, aínda que aclarou que o partido que lidera Bascuas sería "benvido" na fronte ampla "se entende que o ideario que defenden Anova e EU é o correcto". Fontes de CxG aclaran que para saber se aceptan ou non o ideario programático da coalición, antes terían que coñecelo en profundidade.
Por outra banda, Díaz asegurou tamén na mesma entrevista que as enquisas da súa formación danlle á denominada fronte ampla a posibilidade de acadar oito deputados no Parlamento galego nas vindeiras eleccións autonómicas.