Compromiso por Galicia carga con dureza contra Esquerda Unida e Beiras, mentres este último lamenta que nin CxG nin BNG entrasen finalmente en Alternativa Galega e asegura que a porta segue "aberta" para que a formación que lidera Xoán Bascuas -e incluso o Bloque- participe na elaboración de listas e do programa "sen vetos nin cancelas". Pero non pasará tal.
Na mañá do sábado, a Executiva de CxG acusou o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, de estar, "até certo punto, obsesionado" con obter o "número un" das listas pola provincia da Coruña e criticou que Esquerda Unida "xulgase" a súa posición política "sen nin tan sequera escoitala". Todo despois de que Compromiso non entrase finalmente na coalición que lideran Anova e EU. Para os primeiros, porque foron "vetados" pola formación que lidera Yolanda Díaz e para os segundos porque o seu cambio de rumbo a última hora fixo imposible que entrasen nunha plataforma electoral na que os seus dous piares iniciais tiñan xa moi desenvolvido o acordo.
Beiras di non ter "ningunha ambición persoal" porque non é "masoquista"
"Inicialmente, a dirección de Compromiso aceptou un acordo a dúas bandas, pero excluíndo a EU; logo as bases votaron maioritariamente a favor de retirar esa exclusión e integrarse na coalición", lembrou Beiras en rolda de prensa, que negou ter "ambicións persoais" por ser deputado. Segundo el, se algún membro de CxG acredita iso é porque o consideran "imbécil". "Se alguén cre que podo ter algunha petencia é porque me considera masoquista e non o son; a miña vida fóra da política institucional foi moito máis grata, malia os meus combates incomprendidos dentro do BNG", dixo. "Asumo un enorme risco persoal", engadiu, tras declararse "un home de esquerda, un nacionalista, non soberanstia, senón no fondo un independentistsa que non cre na parodia do Estado español".
Malia isto, Beiras insiste en deixar "a porta aberta" e incluso asegura que, aínda que si se falou de listas con EU, "non hai absolutamente ningún acordo" porque se confía en que se "incorporen outros grupos políticos que coincidan nos puntos básicos". Segundo puido saber Praza, a idea é que o líder nacionalista sexa número un pola Coruña, nunha lista cuxo segundo posto ocuparía Yolanda Díaz. Para o líder de Anova, o acordo con Esquerda Unida "é un logro enormemente positivo para a maioría social agredida polos gobernos central e da Xunta", aínda que insiste en que, para estar "completa", terían que estar tamén "o BNG e Compromiso por Galicia".
Pero os ánimos están quentes en Compromiso. Na rolda de prensa celebrada este sábado, os membros da Executiva, Xulia Guntín, Xoán Bascuas e Rafael Cuiña, censuraron a postura de Beiras e cargaron tamén contra o que consideran un "veto" de Esquerda Unida á súa entrada na denominada Alternativa Galega. Así, Xoán Bascuas asegura que logo das negociacións entre EU e Anova, ambas as dúas forzas comunicáronlle a CxG que "a coalición sería única e exclusivamente bilateral" e que a formación galeguista podería "adherirse posteriormente", aínda que cabía a posibilidade de que fosen "vetados".
"Quen preconiza unha certa honestidade política, practica todo o contrario", di CxG
"Se nós, aínda facendo un esforzo, aceptásemos participar directamente nesta coalición, xa se nos advertiu que unha das partes podería dicir que non", dixo Bascuas, tras censurar "este modo de practicar política" que lles impide "participar nese proxecto". "Esa fronte ampla é máis estreita do que se pretendía formular inicialmente; quen preconiza unha certa honestidade política, practica todo o contrario", asegurou.
Ademais, Xulia Guntín lamentou que, aínda que o acordo inicial ía ser "a tres bandas, nunca estivo enriba da mesa" porque, segundo di, EU "nin se atreveu a formular algún tipo de proposta". "Non tivemos ocasión de verificar acordos ou desacordos porque nunca nos reunimos", asegurou. Segundo Bascuas, Compromiso "nunca tivo a oportunidade de ter unha interlocución directa con EU, senón que con quen se expresou foi con Anova".
Fontes de Anova aclaran que sempre priorizaron o pacto con EU e que foi o cambio de rumbo de CxG o que dificultou o acordo a tres bandas
É aí onde se atopan moitos dos conflitos, xa que Anova segue a defender que a súa formación sempre priorizou o acordo con EU, con quen levaba semanas negociando e achegando posturas, e que foi o cambio de rumbo a última hora de Compromiso o que dificultou o pacto a tres. "Non se trata de xogar a ver quen vetou a quen, senón da dinámica de CxG, que primeiro pechou a porta a un acordo con EU e logo deu un cambio que nos situou nun contexto no que as negociacións entre Anova e EU estaban xa case pechadas", defende unha fonte da formación que lidera Beiras.
No entanto, Rafael Cuiña centrou as súas críticas no que considera un "veto" de EU á entrada de CxG en Alternativa Galega. "É curioso que un día antes da decisión o líder de Anova seguise convidando a Compromiso a facer o esforzo de entrar na fronte cando ao día seguinte acataba o veto de EU", asegurou.
"Non temos ningún tipo de explicación. Beiras dixo moitas veces que a forza que exercese o veto sería vetada pero, unha vez que nós fomos vetados por EU, el preferiu ir con esa organización de corte español e non cun socio natural como o é unha formación nacionalista e galeguista", criticou. "O trilerismo político sufrido por CxG nos últimos días é un episodio máis de persoas que antepoñen o seu ego persoal ao interese do país", engadiu.
"Beiras estaba, até certo punto, obsesionado con obter o número uno pola Coruña e penso que o demais lle importaba máis ben pouco", lamentou Rafael Cuiña antes de asegurar que creu que "CxG xunto a Anova podía crear, realmente, un proxecto que se convertese no instrumento máis útil para Galicia". Por último, considerou unha "falta de respecto" cara aos militantes de CxG que "mentres nunha sala a Executiva de Compromiso esperaba a resposta das negociacións entre Anova e EU", "eles negociasen os postos nas listas electorais".
CxG irá en solitario ás eleccións como "unha forza política honesta centrado no autogoberno e na defensa dos servizos públicos"
Ante a falta de acordo, CxG acudirá sen formar parte da colación Alternativa Galega aos comicios autonómicos e nos que, indicou Bascuas, a cidadanía "terá a oportunidade de apoiar a unha forza política honesta" que "centra o seu discurso na defensa do autogoberno" e na necesidade de "gozar duns servizos sociais elevados e amparados polo poder público".