Compromiso fixa o seu congreso constituínte para o 16 de decembro

Bascuas e membros de CxG, nun acto electoral CC-BY-SA CxG

De "cooperativa política" a partido. É o percorrido que Compromiso por Galicia se dispón a iniciar tras as eleccións autonómicas. O Consello Político Nacional da formación galeguista reuniuse este sábado por primeira vez tras os comicios do 21 de outubro con dous puntos sobre a mesa: a avaliación dos resultados das votacións e a organización dos seus próximos procesos internos. En canto ao punto electoral a Executiva, a través do seu líder, Xoán Bascuas, levaba unha análise consigo que foi "ratificada": os resultados "non foron os agardados" -CxG logrou 14.459 votos, o 1,01% do total- e polo tanto cómpre "unha profunda reflexión dos erros cometidos", se ben isto non implica a fin do percorrido, apuntan.

Bascuas cre que o "verdadeiro test" de CxG serán as municipais de 2015

Neste contexto, a primeira cita importante para o futuro de CxG será o vindeiro 16 de decembro. Será nesa data na que se celebre o congreso constituínte de Compromiso. "Ata o de agora, e dadas as circunstancias e os prazos -explica a responsable de organización, Sandra Araúxo- asumimos a filosofía" da devandita "cooperativa política, dende o centro progresista ata a esquerda renovadora" e partindo da integración de "diversos colectivos". Pero agora, di, é o tempo "de converterse nun proxecto partidario único, con carácter abranxente pero cunhas propostas claras e precisas para os tempos que nos tocaron vivir, que faga que sexamos útiles para o conxunto da cidadanía".

Neste proceso congresual, que será "participativo" e "aberto a militantes e simpatizantes", din, estará tamén presente o que, segundo Bascuas, será o "verdadeiro test" de CxG, isto é, as eleccións municipais de 2015. As autonómicas "foron importantes para ir socializando a nosa marca" pero é nos comicios locais "onde non nos poñemos límites", xa que, pore xemplo, "nos lugares onde existe importante presenza organizativa de CxG" as porcentaxes de voto foron "salientables" e iso "fai que sexamos unha forza política a ter en conta", sinala. Non obstante, e á marxe da revisión dos propios "erros", Bascuas coida tamén que a carreira electoral do 21-O "estivo marcada pola polarización Feijóo-Beiras", que fixo "imposible, política e mediaticamente" que se "visibilzase unha nova proposta como era a de Compromiso por Galicia".

Bascuas e membros de CxG, nun acto electoral CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.