Compromiso muda de imaxe para "escoitar a cidadanía"

Araúxo e López Silva presentan a nova imaxe CC-BY-SA CxG

Compromiso por Galicia dá os primeiros pasos de precampaña electoral propiamente dita. Despois de elixir e presentar as súas candidaturas a formación liderada por Xoán Bascuas optou por mudar levemente de imaxe, redeseñando o seu logotipo, xusto antes de dar a coñecer os seus lemas e primeiras promesas na carreira electoral  do 21-O. As candidatas número dous e tres da lista pontevedresa de CxG, Sandra Araúxo e Inma López Silva, foron este mércores as encargadas de presentar ambos elementos, unha imaxe gráfica que "pretende significar punto de encontro" e un lema, A túa voz, co que apostan por amosar que "queremos ser unha forza que se basee na escoita á cidadanía", di López Silva.

"En momentos nos que se están a producir detencións de políticos temos que ofrecer un proxecto aberto e público", di López Silva

En opinión de ambas dirixentes procesos como as eleccións primarias "abertas" nas que foron votados os cabezas de lista do partido son unha boa mostra desta "escoita", a cal tamén queren simbolizar cos seus dous sublemas, Ti tes moito que dicir e Quero falar contigo, ambos enmarcados en globos semellantes aos dos debuxos de banda deseñada da cor verde corporativa da formación. "Nestes momentos, nos que se están a producir detencións de políticos -di López Silva, en referencia á operación Pokémon-, temos que ofrecer un proxecto aberto, público e participado" que empregue "a palabra como clave da política, entendendo a comunicación como algo bidireccional", abonda.

Esa mesma fórmula gráfica, a dos globos, foi tamén a empregada durante a presentación para amosar o xeito en que Compromiso resumirá algúns dos seus compormisos electorais. Afirma Araúxo que "as proposta sse presentarán en forma de compromisos concretos". Un dos "primeiros", explica, estará vinculado ao ámbito do benestar, nomeadamente, á aplicación da Lei da Dependencia, e consiste en garantir a "inmediata axilización dos trámites da lei", aseguranod ademais o "pagamento das cantidades atrasadas aos coidadores e persoas dependentes".

Araúxo e López Silva presentan a nova imaxe CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.