Compromiso non estará na fronte ampla xunto a Anova e Esquerda Unida

Delegación de Compromiso no Parlamento © CxG

Compromiso por Galicia non formará parte finalmente da coalición de esquerdas que lideran Anova e Esquerda Unida de cara ás próximas eleccións autonómicas. Logo dunha xornada de longas e intensas reunións e contactos entre unhas e outras formacións, o partido liderado por Xoán Bascuas non participará na fronte ampla, malia que as súas bases deran o visto e prace a intentar o acordo tras as asembleas comarcais. A plataforma electoral, que finalmente se chamará Alternativa Galega, terá os partidos de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz como principais referencias, aínda que ambos os dous convidan a CxG a que se unan a este acordo bilateral a vindeira semana, como farían Equo e Partido Humanista, á hora de elaborar as listas para os comicios.

Bascuas aclara que "a coalición xa estaba feita" e que a súa pertenza ela supoñía "adherirse" ao xa pactado entre Anova e EU

"A coalición xa estaba feita, o noso sería unha adhesión a unha plataforma xa conformada; non haberá coalición con Anova e Esquerda Unida", confirmou a última hora deste venres Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG, que este sábado dará unha rolda de prensa para explicar os detalles dunha decisión que pareceu sempre difícil polas reticencias iniciais de Compromiso a pactar con EU e da propia EU a compartir plataforma con CxG. O avanzado do programa e dos acordos entre dúas forzas claramente de esquerdas fixo moi difícil un acordo de última hora que supoñía superar demasiados atrancos, que se fixeron visibles incluso nas diferenzas amosadas por dirixentes de ambos os dous partidos nas redes sociais.

Segundo varias informacións, Xosé Manuel Beiras ocupará o número un da lista pola Coruña, seguido de Yolanda Díaz, no que se interpreta como unha cesión de Esquerda Unida a Anova. Pontevedra sería liderada por EU, ao igual que Lugo, mentres que en Ourense sería a formación nacionalista quen designaría o principal candidato. Non haberá, no entanto, candidato oficial á Xunta.

Alternativa Galega estará liderada por Anova e EU, pero contará co apoio de grupos como Equo ou o Partido Humanista

Malia que desde un principio Compromiso amosara as súas reticencias a entrar nunha fronte "anticapitalista" e con grupos "co centro de decisión fóra de Galicia", un cambio de rumbo o pasado martes forzou o partido a deixar a decisión de intentar ou non unha unión nas súas asembleas comarcais. Estas decidiron apostar por unirse ao proxecto común, pero as dúbidas de EU e a premura de tempo -o prazo para conformar a coalición técnica remataba este venres- impediron o acordo.

"Compromiso por Galicia concorrerá ás vindeiras eleccións galegas cun programa e unhas candidaturas propias, logo de que non fructificaran as negociacións ante a negativa de Anova e Esquerda Unida para formar unha coalición, decantándose por unha fórmula bilateral", asegurou a formación galeguista xa de madrugada.

Se nada cambia, a Syriza galega estará conformada finalmente por Anova e Esquerda Unida, ás que se sumarán tamén grupos como Equo ou o Partido Humanista, mentres que Compromiso se presentará en solitario ás eleccións autonómicas. A dúbida agora é saber que ocorre con formacións como Espazo Ecosocialista, partido integrado en CxG e que aposta claramente por unirse a Alternativa Galega e que ameazaba incluso con abandonar a formación galeguista se esta integración non se producía.

Díaz, Beiras e Bascuas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.