Compromiso ofrécelle a Anova unha coalición electoral

Beiras e Bascuas, na manifestación da CIG en Vigo durante a folga xeral Dominio Público Praza Pública

Compromiso por Galicia, a través do seu coordinador xeral, Xoán Bascuas, vén de manifestar, á espera da ratificación do Consello Político Nacional que terá lugar o sábado, que a súa formación está disposta a concorrer xunto con Anova- Irmandade Nacionalista, de Xosé Manuel Beiras, ás próximas eleccións galegas, nunha coalición a dúas bandas “que teña como piares básicos a defensa do autogoberno, do Estado de benestar e da democracia”.

Bascuas xa lle realizou a oferta a Beiras o luns pola noite e Compromiso atópase á espera da resposta oficial de Anova

Bascuas xa lle realizou a oferta a Beiras o luns pola noite e Compromiso atópase á espera da resposta oficial de Anova, que terá que sairá das asembleas locais e comarcais que se celebran até o sábado e da Coordinadora Nacional do domingo.

Compromiso cre necesario en calquera caso que nesta hipotética coalición a candidatura á Presidencia da Xunta, igual que os cabezas de lista polas catro provincias, se escollan en primarias abertas ao conxunto da cidadanía, que proben “unha nova forma de facer e sentir a política”.

Xoán Bascuas defendeu que esta coalición debe ser “xenuinamente galega”, debe respostar ás necesidades da cidadanía e debe evitar que a crise se utilice como excusa “para a recentralización e a eliminación dos servizos sociais máis básicos”. Para isto, di, o programa electoral deberá sustentarse en propostas “contundentes e realistas para os tempos que vivimos”, poñendo como exemplo “unha nova fiscalidade onde paguen máis os que máis teñen, a blindaxe da sanidade e da educación públicas, a reordenación territorial e administrativa coa necesaria eliminación das deputacións, e a reformulación do Estado español para o recoñecemento da súa plurinacionalidade”.

Beiras e Bascuas, na manifestación da CIG en Vigo durante a folga xeral Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.