Compromiso por Galicia celebrará primarias abertas

Imaxe do Consello Nacional celebrado este sábado en Compostela © Compromiso por Galicia

Compromiso por Galicia celebrou este sábado en Compostela o seu primeiro Consello Nacional. A formación continúa co proceso de integración das distintas forzas que a compoñen, neste caso a través da entrada de Espazo Ecosocialista (Ecogaleguistas) e Acción Galega no Consello Nacional de Máis Galiza. Entre outros, pasan a formar parte do organismo Xosé Manuel Pérez Bouza e Teresa Táboas.

O Consello Nacional fixo unha proposta de regulamento electoral que inclúe a celebración de primarias abertas á cidadanía, sobre todo para escoller o candidato á Xunta. A proposta, realizada por Xulia Guntín, responsable de Alternativas políticas e programáticas, obedece segundo a formación ao obxectivo de "reforzar a idea de radicalidade democrática coa que naceu o proxecto".

A secretaria de Organización, Sandra Araúxo salientou que "a aceptación social do proxecto é moi boa por todo o país", pero fixo autocrítica e reclamou un esforzo maior por "convidar a todos os colectivos: deportivos, veciñais..." e por "achegarse máis ás localidades", para procurar unha mellor implantación en todo o país. Así mesmo, a formación busacará neste achegamento "formatos atractivos para sectores desencantados" como por exemplo a mocidade.

As primarias abertas buscan, segundo CxG, "reforzar a idea de radicalidade democrática coa que naceu o proxecto"

Para o voceiro de CxG, Xoán Bascuas, este sábado foi un día importante porque "o proceso de CxG dá un paso máis na súa construción. Esta primeira reunión do seu Consello Nacional tradúcese na consolidación e no avance dunha proposta política moderna, progresista, asentada no país e orientada para o conxunto da súa cidadanía".

Imaxe do Consello Nacional celebrado este sábado en Compostela © Compromiso por Galicia
© Compromiso por Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.