Compromiso promete ante notario abandonar os cargos públicos en caso de imputación

Bascuas, nunha notaría de Compostela CC-BY-SA CxG

"Estes intres requiren exemplaridade ética". É a razón aludida polo candidato de Compromiso por Galicia á Presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, para decidir asinar nunha notaría un "compromiso ético" de cara á campaña electoral e tamén cara a eventuais responsabilidades institucionais que puidese asumir no futuro. Bascuas en Compostela, e os outros tres cabezas de lista da formación nas súas respectivas circunscricións, deixaron nos despachos notariais senllos documentos nos que argumentan que "Galicia precisa políticos honestos" e unha "limpeza democrática urxente" con "tolerancia cero coa corrupción". Por iso, entre outros aspectos, comprométense a deixar os cargos electos que poidan asumir no caso de "de ser imputado en firme por parte da autoridade xudicial".

Co obxectivo último de que "os cidadáns e cidadáns confíen nas institucións e nos seus representantes" Bascuas e os demais candidatos defenden no documento notarial que "hai motivos para dicir que non somos todos iguais" e "en Compromiso non somos nin sequera parecidos". Por iso, asegura, de chegar a teren responsabilidades de goberno "hai que evitar as contratacións directas e promover poxas e mesas plurais". Ademais, afirman, "os políticos non podemos acumular cargos nin eternizarnos neles".

Así as cousas, entre as promesas asinadas figura, por exemplo, a limitación de mandatos para "non permanecer máis de dúas lexislaturas como deputado no Parlamento de Galicia". Do mesmo xeito, din, os representantes institucionais de CxG non van "compatibilizar varios cargos públicos nin privados, dando cumprimento ao principio de unha persoa, un cargo, un salario". Do mesmo xeito, subliñan, defenderán dende as institucións que os representantes institucionais teñan "un soldo digno", "acorde coas súas reponsabilidades" pero "renunciando a todo tipo de privilexios económicos e fiscais".

O compromiso notarial de Bascuas, Rafael Cuiña (Pontevedra), Xosé Manuel Pérez Bouza (Ourense) e Iván Marrube (Lugo) complétase coa promesa de establecer un mecanismo para "someter a referendo público e cidadán" a "xestión política na metade de cada mandato". "No caso de non ser refrendado presentarei a miña dimisión", aseguran, nun contexto no que, di Bascuas, "non me preocupa o que a cidadanía decida" porque "os nosos mandatos son patrimonio da xente, do conxunto dos galegos".

Bascuas, nunha notaría de Compostela CC-BY-SA CxG
Rafael Cuiña, nunha notaría de Vigo CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.