Condenado por prevaricación Antonio Pensado, ex-alcalde de Coristanco, por axudar a unha empresa a evitar unha multa

Antonio Pensado (esquerda), nunha imaxe de arquivo Dominio Público PP Coristanco

Tras unha inspección da Garda Civil pola existencia de residuos de construción nun predio, o político popular emitiu unha suposta autorización para a que non tiña competencias

A Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar, nunha sentenza con data deste luns feita pública este martes, a quen foi alcalde de Coristanco entre 1991 e 2015 polo PP, Antonio Pensado, a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por cometer un delito de prevaricación ao autorizar, en 2012, a unha empresa a almacenar residuos de demolición e construción nun predio.

O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, destaca que a resolución do daquela rexedor municipal foi “arbitraria e contraria á legalidade” e impuxo a mesma pena, como cooperadores necesarios do delito de prevaricación, aos tres irmáns administradores da compañía beneficiaria. Os xuíces aseguran que o ex-alcalde actuou “concertadamente” cos tres empresarios “para tratar de deixar sen efecto” as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizado.

Casa do Concello en Coristanco Dominio Público Jglamela

Os maxistrados din que o ex-alcalde actuou “concertadamente” con tres empresarios “para tratar de deixar sen efecto” as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizado.

Os maxistrados consideran que era “evidente” que a autorización “se apartaba de calquera legalidade vixente” e que esa circunstancia era “coñecida por todos os acusados, debido a que no ano 2007 xa houbo denuncias por provisión de material na mesma leira e un expediente sancionador da Xunta”. Os xuíces explican que, segundo declararon os axentes da Garda Civil e do Seprona que se desprazaron ao terreo, nel había “múltiple material que estaba amoreado”. Tras a inspección, un dos tres empresarios, segundo consta na resolución, foi ao Concello para conseguir “un papel para acreditar que tiñan autorización”. Por iso, o ex-alcalde emitiu un escrito, coa súa firma e co selo do Concello, que carecía “de calquera requisito que o permita entender axustado á legalidade”, segundo os xuíces, os cales salientan que a competencia para autorizar esa provisión de materiais é da Consellería de Medio Ambiente.

Ademais, o tribunal sinala que “tampouco existe ou consta expediente algún relativo a dita autorización” e recalca que os acusados “coñecían a inxustiza da resolución, que precisamente trataba de liquidar esa situación na leira, que xa se producira tempo atrás, e xustificar ante a inspección realizada o contar coa correspondente autorización”.

Na sentenza, a Audiencia tamén absolve ao ex-alcalde dos demais delitos de prevaricación que lle imputaba o Ministerio Público, así como do de falsidade, e, aos empresarios, dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias. Así, entende que non quedou acreditado que o daquela rexedor municipal tratase de favorecer aos tres irmáns empresarios, aos que supostamente o unía unha amizade, á hora de adxudicar obras. Na sentenza, os xuíces aseguran que o procedemento negociado sen publicidade polo que se contrataron os traballos “se axustaba ao contemplado na Lei de Contratos do Sector Público 2007 e 2011”. Ademais, recalcan que “ningunha incidencia xurdiu coas distintas administracións das que procedían os plans” dentro dos cales se executaron as obras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.