Converxencia 21 ofrécelle a CxG formar unha coalición inspirada en CiU

Carlos Vázquez Padín © CXXI

Converxencia 21 anuncia a súa intención de propoñerlle a Compromiso por Galicia o inicio de negociacións para establecer "unha federación entre ambos os dous partidos semellante á que forman CDC e UDC (CiU) en Catalunya" sen renunciar ás "diferenzas nítidas, de cariz ideolóxico, que cada un quere preservar".

Converxencia 21 di buscar a creación dun "espazo centrado e centrista en Galicia"

A formación afirma que é posible unha colaboración entre os dous partidos, "un de perfil socialdemócrata e nacionalista galego (CXG) e outro liberal e galeguista (C21)" que busque "un programa marco social-liberal que, sen dúbida, suporía renuncias a ambas partes e que enfatizaría a importancia da liberdade económica para a prosperidade dos individuos" e defendendo que esa liberdade económica "como a única posibilidade sustentable de financiar mecanismos de redistribución que traten de garantir a universalidade da xustiza, o ensino e a sanidade, abandonando, no caso destas dúas últimas, o dogma da sua provisión exclusiva por parte do sector público".

Converxencia 21 di buscar a creación dun "espazo centrado e centrista en Galicia" pasando a considerar todos os principais actores da politica galega "como adversarios cos que competir e partidos cos que poder colaborar chegado o caso".

 

Negativa de Compromiso

Compromiso por Galicia respondeu rapidamente ao ofrecemento de Converxencia XXI, "agradecendo" a proposta, pero rexeitándoa, poís "non procede efectuar este tipo de ofrecementos cando estamos inmersos nun proceso constituínte", en referencia ao congreso constituínte que CxG celebrará o vindeiro 16 de decembro. Ademais, Compromiso salientou a través do seu Secretario de Comunicación que "todo parece indicar que a formulación política que sairá do Congreso será moi diferente e de imposible conciliación co que representa Converxencia XXI, cunha clara e total incompatibilidade ideolóxica, programática e de modelo de sociedade e de País. Polo tanto, declinamos a oferta presentada".

Carlos Vázquez Padín © CXXI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.