Converxencia XXI propón privatizar a CRTVG e suprimir o CDG ou o Consello Galego de Relacións Laborais

Carlos Vázquez Padín © CXXI

Converxencia XXI participou no Espacio Emprendedor da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra expoñendo o seu programa para as eleccións do 21-O. Carlos Vázquez Padín apostou por baixar os impostos "para non sacarlle tanto diñeiro aos empresarios": "Os estatistas falanlles aos empresarios de subvencións, é dicir, de vender favores feitos co diñeiro dos demais, dos contribuintes; Converxencia XXI fala de impostos baixos, é dicir, de non sacarlle tanto diñeiro aos empresarios. E para todos por igual, porque iso sí permite a concorrencia real".

Ademais, a formación liberal defendeu gastar menos en administracións paralelas e a eliminación de "chiringuitos" da Xunta para poder baixar así os impostos. CXXI propón por exemplo a privatización da CRTVG e a supresión do Centro Dramático Galego, o CGAI, o Consello Galego de Relacións Laborais, os Centros de Información á Muller, o Instituto Galego de Vivenda e Solo ou o Banco de Terras de Galicia e e abandonar o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Queren tamén eliminar o Servizo Galego de Igualdade, a Escola Galega de Administración Pública, o Tribunal Galego de Defensa da Competencia, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ou o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible. Propoñen igualmente suprimir o Instituto Galego de Consumo, o Instituto Enerxético de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia ou o Instituto Galego de Promoción Económica.

Finalmente, en materia cultural defende a supresión da Real Philarmonía de Galicia, o Centro Coreográfico Galego, o Centro Ramón Piñeiro ou a Fundación Illa de San Simón.

Carlos Vázquez Padín © CXXI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.