Cousas que o Parlamento galego aprobou (ou non) pero Catalunya ocultou

Tribuna de invitados do Parlamento de Galicia durante o debate de política xeral Dominio Público Parlamento de Galicia

O debate de política xeral celebrado entre o mércores e o venres no Parlamento de Galicia estivo centrado no conflito catalán porque así o decidiu o PP, tanto ao fixar a súa celebración para a semana posterior ao referendo do 1-O como pola decisión do presidente Feijóo de dedicar a esa cuestión os primeiros vinte minutos do seu discurso inicial do mércores. A partir de aí, todas as intervencións dos distintos portavoces e deputados estiveron tinguidas por Catalunya. Pero nestas tres xornadas tamén se propuxeron e votaron, con maior ou menor éxito, outras moitas propostas políticas.

O debate de política xeral celebrado entre o mércores e o venres no Parlamento de Galicia, centrado polo PP en Catalunya, tamén analizou e votou outras políticas

Cada un dos catro grupos parlamentarios presentou o máximo de 40 propostas de resolución a que tiña dereito, ata sumar un total de 160. Porén, só foron aprobadas 40, as do PP, cuxa maioría absoluta lle permitiu rexeitar todas as demais. Das aprobadas, 22 fórono co único voto favorable dos propios populares mentres que cinco saíron adiante despois de que o PP aceptase algún tipo de negociación con algún outro grupo, as dúas resolucións sobre o conflito catalán pactadas co PSdeG e outras tres: unha co BNG e En Marea para non discriminar ás mulleres nos premios das competicións deportivas apoiadas pola Xunta, outra co PSdeG para avanzar na eliminación de símbolos franquistas, e outra co BNG para mellorar a seguridade viaria. Foron precisamente as propostas sobre a sinistralidade viaria e a discriminación das mulleres no deporte as dúas únicas das 160 votadas que obtiveron o apoio unánime de todo o Parlamento galego. Porén, o resultado máis habitual do total de 160 votacións foi o do rexeitamento polo PP de propostas apoiadas polos tres grupos da oposición.

Entre as propostas do PP aprobadas grazas á súa maioría absoluta atopábanse as principais novas medidas ou ampliacións de políticas xa en marcha anunciadas o mércores por Feijóo, como a ampliación da Tarxeta Benvida e o permiso de maternidade para os funcionarios, o incremento dos dependentes atendidos, o reforzo da FP, unha oferta pública de emprego de 14.000 prazas no que queda de lexislatura ou rebaixas de impostos nos ámbitos agrícola, forestal ou inmobiliario nos cascos histórico e espazos industriais.

Só dúas das 160 resolucións recibiron un apoio unánime do Parlamento: unha para mellorar a seguridade viaria e outra contra a discriminación das mulleres en competicións deportivas

Pero entre as resolucións aprobadas tamén había propostas novidosas nas que o presidente non puxo o foco durante o seu discurso do mércores. Entre elas as anteditas resolucións unánimes para mellorar a seguridade viaria e deixar de patrocinar eventos deportivos nos que os premios teñan diferenza entre a competición masculina e a feminina. Pero tamén a decisión de elaborar “un plan de fomento de vehículos con combustibles alternativos para o transporte pesado de mercadorías e para o transporte de viaxeiros”. Ou a proposta, negociada co PSdeG, de avanzar na eliminación dos elementos de exaltación do franquismo, que En Marea rexeitou e na que o BNG se abstivo por considerar os dous insuficiente.

Entre as propostas rexeitadas pola maioría absoluta do PP, os tres grupos da oposición coincidiron, novamente sen éxito, en reclamar ao goberno galego o cumprimento da súa propia lei da CRTVG aprobada en 2011. Igualmente sen éxito, os tres grupos da oposición coincidiron en reclamar unha maior acollida de refuxiados.

O BNG insistiu en pedir unha investigación de Angrois tamén no Parlamento de Galicia e En Marea, con ela xa lograda no Congreso, pediu unha máis xeral sobre seguridade en toda a rede ferroviaria galega

En Marea propuxo tamén “o rescate íntegro da totalidade dos servizos de emerxencias” como o salvamento marítimo con helicópteros ou unha fiscalía anticorrupción con máis recursos para o traballo dos fiscais. O PSdeG reclamou un “plan xeral de infraestruturas e equipamentos deportivos” ou a axilización do novo plan forestal. E o BNG avanzar no pacto galego contra a violencia machista destinando a el o 1% do orzamento de 2018, a “despatoloxización da transexualidade”, unha banca pública galega ou trasladar Ence e Elnosa e recuperar as marismas de Lourizán. Por outra banda, o BNG reclamou a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois tamén no Parlamento de Galicia mentres En Marea reclamou unha comisión de investigación “sobre as condicións de seguridade da rede ferroviaria galega e os accidentes acontecidos na mesma nos últimos anos”, unha vez que xa logrou crear unha específica sobre o sinistro da Grandeira no Congreso. Ningunha destas propostas saíu adiante.

Resultado máis repetido nas votacións, coa negativa do PP a propostas da oposición apoiadas polo resto dos grupos CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.