Crítica unánime ao bloqueo "partidista" da Xunta e do PP á Área Metropolitana de Vigo

Feijóo, con Caballero e outros alcaldes da área metropolitana de Vigo © Xunta

A Xunta de Galicia rexeitou na tarde deste venres inscribir a Área Metropolitana de Vigo no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, argumentando que non cumpre os requisitos legais para dicha inscrición. O Goberno galego argumenta que o ente non constituíu de forma efectiva os seus órganos de xestión, como consecuencia da manobra realizada polos representantes do PP no órgano, que o pasado 1 de decembro abandonaron a sesión constitutiva da Área Metropolitana. Nese momento o presidente da mesa de idade, Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra (PP) pediu a suspensión da xuntanza, o que non foi aceptado pola maioría. A Xunta defende que os acordos adoptados posteriormente, entre eles a elección de Abel Caballero como presidente da Área, non son válidos. A Dirección Xeral de Administración Local tamén sinala que a Área incumpre a integración do bus urbano no plan metropolitano de transporte da Xunta.

O Goberno municipal vigués sinala que é "incomprensible que unha resolución administrativa se arrogue a capacidade de actuar como xuíz inquisitorial con desprezo dos dereitos dos cidadáns e ignorando a lei"

A posición do Goberno galego e do Partido Popular recibiu de inmediato unha crítica unánime por parte do Concello de Vigo e das restantes localidades non gobernadas polos populares (que suman o 83% da poboación total da Área). O Goberno municipal vigués sinala que é "incomprensible que unha resolución administrativa se arrogue a capacidade de actuar como xuíz inquisitorial con desprezo dos dereitos dos cidadáns e ignorando a lei". E subliña que "a constitución da área Metropolitana é legal e continuará a súa andaina". Engadindo que a decisión da Xunta responde unicamente a "unha rabecha política de Feijóo e Rueda para tentar frear o avance de Vigo".

O Concello lembra que a acta da sesión constituínte da área Metropolitana foi remitida á xunta o pasado 5 de decembro para que o Goberno galego a rexistrase oficialmente como unha nova entidade local. A ese escrito non se lle deu entrada para tramitalo até o 19 de decembro e a resolución declarando a "imposibilidade legal da constitución e posta efectiva en funcionamento" da área de Vigo non se produciu ata este venres 30, 25 días despois do envío do primeiro documento.

A Marea de Vigo denuncia que a decisión da Xunta "senta un grave precedente á hora a constitución de entes públicos"

A Marea de Vigo denuncia que a decisión da Xunta "senta un grave precedente á hora a constitución de entes públicos". "De existir calquera defecto de forma, hai modos de solucionalo sen chegar a os termos que se están a chegar, pero para iso é necesaria a vontade política", sinala a Marea, para a que a actuación do Goberno galego confirma "que a posición política do PP con respecto á Área é de boicot por un cálculo partidista". A Marea de Vigo "esixe unha xuntanza urxente entre Xunta e Concello de Vigo para solucionar esta cuestión, lonxe do inoperante intercambio postal que estamos acostumadas e acostumados a ver entre ambas administracións".

De igual xeito, as tres vicepresidentas e vicepresidente da área Metropolitana, Eva García (alcaldesa de Porriño, PSOE), Leticia Santos (Moaña, BNG) e Xosé Manuel Pazos (Cangas, Marea), denunciaron a "instrumentalización política" que o PP fai da Xunta neste asunto, criticando o "partidismo" do goberno galego. Eva García lembrou que a Xunta está a incumprir unha lei do Parlamento e sinala que mesmo podería estar a incorrer en prevaricación, actuando de forma inxusta á mantenta.

 

Boicot do PP á Área Metropolitana, tamén na Coruña

A posición adoptada polos representantes do PP e pola Xunta con respecto á Área Metropolitana de Vigo é semellante á que nos últimos dous meses os populares veñen mantendo no proceso de constitución da Área Metropolitana da Coruña, que está a dar os seus primeiros pasos. En ambos os dous procesos o PP ten unha posición claramente secundaria: as urbes principais -Vigo e A Coruña- están gobernadas por PSdeG-PSOE e Marea e a maior parte dos restantes concellos que conforman as dúas áreas están xestionados igualmente por PSOE, Marea, BNG ou rexedores independentes que apoian de forma clara os procesos.

A posición adoptada polos representantes do PP e pola Xunta con respecto á Área Metropolitana de Vigo é semellante á que nos últimos dous meses os populares veñen mantendo no proceso de constitución da da Coruña

Na Coruña os rexedores de Arteixo, Abegondo e Carral, únicos concellos gobernados polo PP negáronse a asinar o pasado 20 de outubro a Declaración de María Pita. Este pasado 20 de decembro os tres rexedores populares sumáronse finalmente á mesa da área metropolitana pero sen garantir o seu apoio, supeditando a súa incorporación á declaración institucional a que haxa consenso no pleno coruñés, na que tanto PP coma PSOE se abstiveron na votación que tivo lugar en novembro. O 22 de decembro, tralo encontro que Abel Caballero e Xulio Ferreiro mantiveron na Coruña, o alcalde vigués alertou de que o Goberno galego poría obstáculo ña constitución da Área Metropolitana da Coruña (dando por feita, iso si, a inscrición da viguesa). "Vigo tivo que pelexar coa intransixencia e intolerancia de Feijóo. El non entende que agrupando concellos poidamos ser quen de configurar liderados en Galicia", dixo Caballero.

 

Feijóo, con Caballero e outros alcaldes da área metropolitana de Vigo © Xunta
Sinatura da 'Declaración de María Pita' a prol da área metropolitana da Coruña a cargo da maioría de alcaldes e alcaldesas © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.