CxG apela ao voto indeciso en Compostela para garantir un goberno "de progreso"

Membros da candidatura e asistentes ao mitin CC-BY-SA CxG

"Éxito rotundo". Así cualifica Compromiso por Galicia o resultado do seu mitin central en Santiago, núcleo dunha campaña na que o seu candidato á alcaldía, Xosé Antón López, pula dende hai semanas por se facer oco nun contexto cada vez máis polarizado entre o PP e Compostela Aberta. Nese oco, precisamente, é no que a formación galeguista aspira a ubicarse para chegar ao Pazo de Raxoi tras o 24-M. López e o secretario xeral do partido, Xoán Bascuas, apelaron dende o escenario da Sala Capitol ao voto indeciso. Pragmatismo para garantir un "goberno de progreso".

A capital de Galicia, di López, precisa dun "novo tempo" sen "alcaldes condenados, sen concelleiros imputados e sen accións absurdas de desbalde". Este é un camiño no que "Compostela Aberta tocou teito", asegura Bascuas. "Martiño [Noriega] non precisa máis apoios", subliña. No entanto, alerta, nun escenario de posibles coalicións "o PSOE de Francisco Reyes facilitará que continúe o PP", afirma. "Agora mesmo en Compostela os socialistas están máis preto de darlle o goberno a Hernández que de favorecer un goberno de progreso", alerta. Por iso, di, os votos "socialdemócratas" que podería ter recabado Mercedes Rosón se fose candidata do PSdeG poden ter acubillo en CxG.

Bascuas apela ao voto socialdemócrata ante a posibilidade de que "o PSOE de Francisco Reyes facilite que continúe o PP"

"A cidade non pode ter medo ao cambio", di o candidato de Compromiso, entre outras cousas porque "ningún goberno pode facelo peor que os que estiveron ata agora". Nesta liña, o que cómpre aspirar é a un "cambio amellor" que o partido se compromete a impulsar "dialogando con outros partidos políticos". No caso de ser concelleiro despois do 24-M, comprométese López, "imos falar coas forzas progresistas pero non para buscar os cargos, senón porque esta cidade precisa de Compromiso tanto como Compromiso precisa desta cidade".

Neste contexto, Xosé Antón López asegura que non vai "ficar nun papel á marxe, nun papel de puros e castos". "Non nos confundimos de inimigo, pero non imos pedir perdón por existir", e por iso "faremos oír a nosa voz" e "usaremos os votos da xente para o ben común" nesa "aposta por un goberno de progreso". Ante as arredor de 300 persoas asistentes ao acto López tamén se referiu ao seu rival nas primarias que o elixiron candidato á alcaldía, Xosé María Rodríguez, presente no acto. A de Rodríguez, di, foi unha mostra de "xenerosidade con este proxecto", tanto como candidato como agora, apoiando a campaña.

López, nun intre do mitin CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.