CxG bota a andar como partido "galeguista e socialdemócrata" con Bascuas á fronte

A Executiva Nacional de CxG entoa o himno, ao remate do congreso CC-BY-SA CxG

Compromiso por Galicia queda definido. Apenas medio ano despois de que as súas siglas saísen por primeira vez á luz co obxectivo de artellar unha nova alternativa política no ámbito do nacionalismo o congreso constituínte de CxG alumeou unha forza política que, en verbas do seu primeiro secretario xeral, Xoán Bascuas, queda "cimentado nuns piares moi claramente definidos". A formación resolve así o seu "principal debate" e de agora en diante presentarse ante a sociedade como un partido "galeguista, progresista e socialdemócrata".

Será un partido os seus membros consideran esta forma como a "ferramenta máis útil". Será galeguista porque ese termo, explica o seu líder, inclúe "dende os que desexan un marco autonómico a superar como aqueles que poidamos desexar o máis alto teito de autogoberno que pode desexar calquera nacionalista". Será tamén progresista, porque "o termo progreso ten un percorrido histórico" e grazas a el "existen os dereitos humanos e as liberdades individuais". E "socialdemocracia", non só para "garantir educación e sanidade públicas", senón tamén para pular pola "economía social de mercado", a "igualdade de oportunidades" e "apostar polas persoas que teñen iniciativa para contribuír á xeración de riqueza".

Bascuas subliña que o "lugar" de quen asuma o "socialismo democrático" e o "galeguismo" está en CxG

Sobre estas bases Compromiso márcase agora o reto de artellarse territorialmente e asentarse no conxunto do país coas eleccións europeas de 2014 e, sobre todo, as municipais de 2015 como primeiros retos electorais. Neste contexto é no que Bascuas lanza as súas primeiras invectivas e convites como secretario xeral tras ser elixido por unanimidade, coa ollada especialmente posta en parte da parroquia socialista. "Andan estes días con novos proxectos, cun novo socialismo de progreso para non sei quen". "A eles -proclama- dicímoslles que se queren socialismo democrático" e "galeguismo" para entender "Galicia como nación", "o seu lugar non está alí", en referencia ao PSdeG. "O sitio dos galeguistas, dos demócratas" e de quen aposte "pola socialdemocracia, está aquí".

De "galeguismo" fala tamén Bascuas para rexeitar que os socialistas, pero tamén o PP, "deturpen este termo", algo que, asegura, "ata o de agora consentiu o nacionalismo". "Agora hai galeguistas de verdade, nacionalistas auténticos que non están dispostos a consentirllo ao PP nin ao PSOE". Estes preceptos, di, defenderanos de agora en diante coa convicción de que "non hai ningún dogma non escrito que permita que o PP goberne sempre". "Algún dí alguén terá que asumir a responsabilidade de encauzar un proxecto de país" que chegue ao Goberno, sinala. No caso de que isto pasase o secretario ou secretaria xeral de CxG non podería poñerse á fronte do Goberno, xa que o congreso aprobou que a persoa que lidere o partido non poida facer o propio co Executivo.

Cuiña e Pérez Bouza entran na Executiva

Compromiso, di Bascuas, lanza a súa definición e as súas propostas cun "discurso inclusivo" porque "nós sumamos, non facemos congresos e asembleas nacionais para definirnos e que os demais queden fóra". É deste xeito no que comezan a camiñar cunha dirección na que xunto a Bascuas estarán María Xosé Afonso, Rocío López Pacio, Xosé Manuel Pérez Bouza e Rafael Cuiña como coordinadores territoriais dunha Executiva que completan Sandra Araúxo, Xulia Guntín, Paulo Carlos López, Manuel González, Inma López Silva, Henrique Monteagudo, Xosé Anxo Laxe, Ana Belén Bande e Pablo Tortajada -en representación da MNG-. Esta nova dirección xa non terá que abordar debates como a bandeira a empregar nos seus actos de partido. Segundo o aprobado no congreso, CxG asume a bandeira galega sen escudo nin ningunha outra simboloxía, senón unicamente coa franxa azul sobre fondo branco.

Bascuas diríxese ao plenario CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.