CxG e BNG reúnense na procura dunha "candidatura galega" para as europeas, "difícil pero non imposible”

Bascuas, na sede de CxG en Compostela CC-BY-SA CxG

Unha delegación da Compromiso por Galicia mantivo este martes unha xuntanza con membros da Executiva Nacional do BNG, atendendo ao convite que Compromiso fixera hai unhas semanas para tratar a posibilidade de artellar “unha candidatura de país” nas vindeiras eleccións europeas.

Xoán Bascuas destaca que “o BNG priorice unha candidatura galega, sendo conscientes tamén das nosas diferencias que fan difícil unha candidatura, pero non imposible”

Xoán Bascuas destaca que “o BNG priorice unha candidatura galega, sendo conscientes tamén das nosas diferencias que fan difícil unha candidatura, pero non imposible”. Compromiso mantén a súa proposta de artellar “unha candidatura en clave de país” para os comicios europeos que se celebrarán o vindeiro ano, “de carácter eminentemente cívica e aberta ao apoio das forzas políticas progresistas galegas, nomeadamente Anova e BNG”. Segundo Bascuas, esta candidatura debería ter como soporte un programa de mínimos, “profundamente europeísta”, onde se puxeran por diante “os intereses dos galegos e das galegas e a defensa dunha Europa máis democrática e solidaria, apostando polo abandono das políticas de austeridade”.

Pola súa banda, Xavier Vence expresou "a vontade do BNG" de "buscar marcos de colaboración coas forzas nacionalistas de Galiza para darlle resposta á situación de emerxencia social á que o PP está a abocar á meirande parte do pobo". Neste senso, o portavoz nacional do BNG apostou por que as organizacións nacionalistas "establezan accións comúns de loita para frear o proceso de recentralización que está a impulsar o Partido Popular".

Compromiso por Galicia rexeita “de plano” participar na iniciativa soberanista que propón o BNG por considerar que “non atende á realidade nin ao momento que vive o país”

En canto aos outros aspectos tratados na reunión, Compromiso por Galicia rexeitou “de plano” participar na iniciativa soberanista que propón o BNG xunto con outras forzas políticas galegas por considerar que “non atende á realidade nin ao momento que vive o país”. O líder dos galeguistas considera “que nestes momentos é máis importante que nunca propoñer alternativas cribles ás políticas antisociais e centralizadoras que está a realizar o goberno de Feijóo na Xunta de Galicia e que están levando no só a que os galegos vivan cada vez peor senón a que Galicia teña cada vez menos poder no Estado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.