CxG escollerá o seu candidato en primarias a pesar do adianto

Acto de Compromiso en Ourense © CxG

Compromiso por Galicia celebrará eleccións primarias para escoller o seu candidato ou candidata aos comicios do 21 de outubro. A pesar do axustado dos prazos, a formación mantén a súa idea inicial e o Consello Político Nacional que se reunirá o sábado determinará o procedemento das primarias (en urna, electrónico, en asemblea...) convocaranse as agrupacións comarcais e decidirá a fórmula para presentarse ás eleccións.

O adianto electoral obriga a todas as formacións a acelerar a súa toma de decisións

O adianto electoral obriga a todas as formacións a acelerar a súa toma de decisións e engade dificultades, sobre todo, para os partidos que xurdiron nos últimos meses. O prazo para a presentación de candidaturas pecharase o dia 17 de setembro, polo que calquera decisión se ten que adoptar moito antes, sobre todo para o caso das coalicións, con prazos aínda máis axustados, pois o límite é o 7 de setembro.

Xoán Bascuas afirma que as portas "están e estarán abertas" para chegar a acordos con outras organizacións "mentres esteamos dentro dos prazos legais".  Bascuas restou importancia á barreira do 5%: "as regras son as que son e non podemos queixarnos" e salientou que a maior fragmentación coa que se presenta a esquerda e o galeguismo, lonxe de ser negativa pode axudar a acabar coa maioria absolta do PP: "a hipótese máis verificable é que co aumento da oferta política pódese frear o dominio dos partidos maioritarios", dixo.

En calquera caso Bascuas desmentiu categoricamente a información que este martes publica La Voz de Galicia, na que se afirma que Compromiso lle tería ofrecido a Xosé Manuel Beiras a candidatura á presidencia da Xunta. "O noso compromiso coas primarias é irrenunciable", sinala Bascuas.

Bascuas desmentiu categoricamente a información que este martes publica La Voz de Galicia, na que se afirma que Compromiso lle tería ofrecido a Xosé Manuel Beiras a candidatura á presidencia

Compromiso por Galicia asegurou que está "en perfecto estado operativo e preparada" para as eleccións e que pretende "cambiar a forma de facer política" en Galicia. Afirma tamén que afronta con "expectativas, entusiasmo e ilusión" un proceso electoral que vaticinou que orixinará un "cambio político".

Consello Nacional de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.