CxG impulsará unha xuntanza de concellos se a Fegamp non debate a reforma da administración local

Acto de CxG no rexistro da Fegamp © CxG

Compromiso por Galicia presentou este mércores no rexistro da FEGAMP unha iniciativa para o debate sobre o antreproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. A organización galeguista solicítou que a FEGAMP convoque unha Asemblea Xeral extraordinaria para que esta exprese os mínimos que, dende Galicia, debe contemplar a lexislación sobre a futura reforma da Administración local. Ao rexistro acudiu o Secretario Xeral de CxG, Xoán Bascuas, acompañado do alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, e da concelleira en Muros e Coordinadora Provincial, María Xosé Afonso

Para Xoán Bascuas, o anteproxecto de lei só é “unha cortina de fume para impulsar un modelo de Estado centralista e caduco onde se potencia o papel das deputacións e para avanzar na privatización de servizos públicos, recortando así a autonomía municipal”. Segundo Bascuas o Goberno español, no canto aproveitar a reforma para suprimir as deputacións, “propón todo o contrario, propón o seu reforzamento, dándolle a posibilidade de asumir a práctica totalidade das competencias dos concellos de menos de 20.000 habitantes, e roubándolle á cidadanía dos municipios o acceso cercano e directo dos servizos públicos que se prestan a nivel local”. 

O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, afirma que “a reforma supón unha clara ameaza á continuidade dos concellos do rural, que supoñen o maior número dos existentes no noso país”

O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, insistiu en que “a reforma supón unha clara ameaza á continuidade dos concellos do rural, que supoñen o maior número dos existentes no noso país”, e que esta proposta do Consello de Ministros non ten en conta nin recolle as particularidades e especificidades do país. Jardón cre que “no canto de limitar o salario dos alcaldes e das alcaldesas debería limitarse a asignación ao capítulo de órganos de goberno segundo a poboación, limitando de xeito máis efectivo o uso e abuso de dedicacións exclusivas e asesorías varias”.

CxG anunciou a celebración dunha xornada de política municipal para o día 6 de abril, onde se tratará este tema, así como o do agrupamento de concellos e valorarase a posibilidade de, no caso de non ter resposta nun mes por parte da FEGAMP, impulsar a convocatoria “dunha xuntanza aberta de concellos galegos para fixar unha posición de país”.

Acto de CxG no rexistro da Fegamp © CxG
Acto de CxG no rexistro da Fegamp © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.