CxG pide a dimisión do alcalde de Ponteareas, imputado por prevaricación

Salvador González Solla © Concello de Ponteareas

Compromiso por Galicia reclama a dimisión do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, do Partido Popular, pola súa imputación por prevaricación na tramitación da licencia de Ecocelta. CxG propón que todos os cargos públicos imputados por algún delito abandonen automaticamente os seus postos, o que se coñece como listas brancas.

A empresa acusa o rexedor de negarlle a licenza de actividade por motivos arbitrarios. O pasado mes de marzo, o TSXG fallou a favor de Ecocelta con relación ao expediente para a licenza definitiva de ampliación da súa planta de produción de humus de lombriga. Entón, o Concello de Ponteareas concedeulle licenza definitiva o pasado xuño. Con todo, prohibiulle exercer a actividade de compostaxe e advertiulle que de incumprir este requisito pecharía a empresa. 

Ecocelta argumenta que esta actividade, ao aire libre, xa estaba contemplada no seu proxecto inicial e que, de non poder exercela, non sería viable. Ecocelta solicita unha indemnización de máis dun millón de euros porque asegura que, ao non contar coa licenza que solicitou en 2007, non puido ampliar a súa capacidade de produción e perdeu numerosos contratos durante catro anos.

Chuco Abalde, secretario local de Compromiso por Galicia de Ponteareas, afirma que “neste momento en que a clase política está tan desprestixada, hai que devolver os galegos as galegas a confianza nos seus representantes e os partidos deben actuar ante casos de corrupción; e todas as persoas que ocupan cargos públicos deberán dimitir cando sexan imputados". Abalde lembra que o alcalde deberia ser "sumamente escrupulosos nestes supostos, xa que foi un dos que tamén esixíu a demisión de José Castro por prevaricación". E engade: “pode ser, que como agora que a filla de Castro vai nas listas do PP muda a súa interpretación da lei e da ética, aínda que ética e Solla son termos incompatibles”.

Salvador González Solla © Concello de Ponteareas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.