CxG pide ao Fiscal Anticorrupción que parte do caso Bárcenas se traslade a Galicia

Bascuas e López, ante o TSXG CC-BY-SA CxG

O secretario xeral de Compromiso por Galicia (CxG), Xoán Bascuas, instou este domingo o Fiscal Anticorrupción a que solicite ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que asuma “a instrución de parte da peza” do caso Bárcenas que atinxe o PPdeG, “pola condición de aforados ante a sala competente do TSXG, segundo o disposto ao efecto no vixente Estatuto de Autonomía, de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, para que, se é o caso e así se estima, poidan resultar imputados para esclarecer as doazóns opacas recibidas polo PP en Galicia cando Feijóo xa era o máximo dirixente do partido”. 

CxG cre que hai “indicios incriminatorios que deben ser investigados en profundidade” e que “a conexión entre Bárcenas e Feijóo é máis estreita do que se quere dar a ver"

Segundo o dirixente galeguista, o que queren é "claridade e transparencia no caso, e que quen teña que asumir responsabilidades políticas e penais, as asuma e non teña escusa no procedemento e no órgano de instrución”.  Bascuas asegura que se aprecian “indicios incriminatorios que deben ser investigados en profundidade” e que “a conexión entre Bárcenas e Feijóo é máis estreita do que se quere dar a ver, polo que é aconsellable a asunción por parte do TSXG de parte do caso, e resolver se procede a investigación dos feitos relativos a ambos os dous aforados”

O pasado 23 de agosto Xoán Bascuas, acompañado do membro da Executiva Nacional Paulo Carlos López, presentaron no rexistro do TSXG un escrito no que se insta á Fiscalía a que investigue as contas do Partido Popular de Galicia, e a Feijóo e a Rueda, por suposto financiamento irregular, tal e como demostran diversas informacións xornalísticas. 

Segundo Xoán Bascuas nas revelacións de Luis Bárcenas na Audiencia Nacional alúdese a unha carpeta con documentación específica sobre as doazóns opacas ao PP de Galicia procedentes de empresas adxudicatarias de contratos públicos por parte da Xunta de case que 2 millóns e euros, o que motiva sobradamente “que a Fiscalía abra unha investigación”.

O líder galeguista insistiu na responsabilidade do actual presidente da Xunta, quen accedeu á dirección do PP galego en xaneiro de 2006, data na que o xerente dos conservadores, Modesto Fernández, remitiu un informe para xustificar os elevados gastos da campaña electoral de 2005.

Bascuas e López, ante o TSXG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.