CxG propón un acto "unitario" para o 25 de xullo que se sume aos dos partidos

Acto político de CxG CC-BY-SA CxG

Un "acto cívico" nacional que non substitúa o de cada organización política, senón que o complemente. É a proposta que vén de lanzar Compromiso por Galicia para o vindeiro 25 de xullo. O secretario xeral da formación galeguista, Xoán Bascuas, anunciou este xoves a súa intención de dirixirse "a todas as entidades que nos resulte posible" para "que se poida organizar un evento á semellanza dos que se realizan noutros países que loitan polo seu recoñecemento", unha "autoconvocatoria" que non tente reemprazar as actividades de cadaquén.

Sinala Bascuas que idea sería convocar a "todas as organizacións políticas, sindicais, culturais, sociais e de toda índole" para, "sen afáns de protagonismo", realizar unha "homenaxe popular, do conxunto do país" coas figuras de Castelao e Rosalía como protagonistas. Todos os colectivos que se sumen "coorganizarían" o acto, con independencia de que participen á súa vez nas "actividades previstas por partidos, institucións ou outras entidades" co gallo do Día da Patria.

Bascuas: "Un acto destas características é de interese do conxunto do país"

A xuízo de CxG "un acto destas características, polo seu potencial simbólico e reivindicativo" é "de interese do conxunto do país" e nel debera participar "a maioría do tecido asociativo de Galicia, sen exclusións e sen protagonismos partidistas". Esta proposta chega despois de que o pasado ano, por primeira vez en lustros, o nacionalismo organizado fóra do BNG celebrase actos paralelos no tempo á manifestación e acto político que a formación frontista convoca cada 25 de xullo.

Acto político de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.