CxG proponlles a BNG e Anova ir xuntos ás europeas

Acto electoral de CxG CC-BY-SA CxG

Queda algo máis dun ano para as eleccións ao Parlamento europeo e os partidos comezan a moverse para sondear a posibilidade de artellar candidaturas conxuntas con outras formacións. Compromiso por Galicia fixo pública este domingo unha oferta dirixida a BNG e Anova para concorrer conxuntamente nunha candidatura exclusivamente galega que "antepoña os intereses de Galicia antes que nada". Aínda non houbo contactos formais pero Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG, afirma que espera unha "resposta positiva". Estes contactos comezarán nos vindeiros días. 

O BNG presentouse no ano 2009 en coalición con ERC, Aralar e outras forzas nacionalistas de esquerda. Porén, nos últimos meses vense falando cada vez con maior intensidade en Catalunya da posibilidade de que CiU e ERC presenten unha candidatura conxunta. Tamén será importante o papel da esquerda abertzale vasca, con quen o BNG mantén lazos cada vez máis estreitos. Pola súa banda, Anova ten pendente a súa Asemblea Nacional, que celebrará antes do verán, e dificilmente adoptará unha decisión antes.

Acto electoral de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.