CxG reitera a oferta de pacto a Anova e convoca primarias para o 9 de setembro

Imaxe do Consello Político Nacional de Compromiso © CxG

Non houbo sorpresas, e o Consello Nacional de Compromiso por Galicia refrendou as propostas e anuncios realizados nos últimos días pola organizacións. En primeiro lugar reiterou a oferta de coalición electoral a Anova que o xoves fixo pública Xoán Bascuas, co obxectivo de conformar, segundo o propio Bascuas, unha oferta “nidiamente galega e progresista”. Houbo un alongado debate sobre outras posibilidades de pacto máis amplas, nas que entraría tamén Esquerda Unida, pero finalmente a maioría impúxose. Bascuas defendeu que "a situación que estamos a vivir require de respostas audaces", que permitan unha alternativa "realista" ao PP e á vez "posibilitar un proxecto político propio de longo percorrido coa aspiración de gobernar este País”.

Así mesmo, aprobouse o procedemento para a convocatoria e realización de primarias para a elección dos candidatos de Compromiso (ou da coalición Compromiso-Anova se finalmente chegase a producirse). As votacións, á espera da resposta da formación de Beiras, terían lugar o vindeiro domingo 9 de setembro e serían "abertas a militantes, simpatizantes e cidadanía en xeral". Escolleríanse en primeiro termo os cabezas de lista e posteriormente á Presidencia da Xunta.

Escolleríanse en primeiro termo os cabezas de lista e posteriormente á Presidencia da Xunta

Bascuas salientou que a convocatoria de primarias “vai para adiante, porque ese foi o noso compromiso e non só falamos doutras formas de facer política, se non tamén as aplicamos”. En calquera caso, tanto a data coma o procedemento estarían á espera dunha confirmación definitiva, que dependería da aceptación da oferta de coalición. Nese caso, sinala Bascuas, "habería que acordar certas regras de xogo”.

 

(HABERÁ AMPLIACIÓN)

Imaxe do Consello Político Nacional de Compromiso © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.