“O galeguismo está só en Compromiso e en ningún lugar máis”, afirmou este luns Xoán Bascuas, secretario xeral da formación e candidato á Presidencia da Xunta, no acto celebrado por CxG en Compostela con motivo do 25 de xullo. O partido sinalou ter "un papel determinante e necesario na política de Galicia" e reivindicouse como a única forza galeguista.
Neste senso, Bascuas subliñou que un dos obxectivos principais de Compromiso diante das eleccións autonómicas será desenmascarar o Partido Popular por ter “ocupado ao galeguismo en fraude de lei”. E, de igual xeito, sinalou que en Galicia en Galicia “non hai PSdeG senón PSOE”. Bascuas afirmou que "somos os depositarios da autoestima do pobo galego e temos que asumilo con corazón” e que o partido “máis ca unha expectativa, é unha esperanza real”.
A intervención do secretario xeral foi precedida polas palabras dos candidatos Juan Carlos Piñeiro (Lugo), Xosé Mosquera (Ourense) e Andrés Núñez (Pontevedra), e por Anabel Pereira, da Mocidade Nacionalista Galega. O acto foi presentado pola alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso. Todas as persoas que falaron coincidiron "na necesidade e na convicción" de que Compromiso por Galicia obterá representación no Parlamento de Galicia.
Niso tamén coincidiu o portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, que destacou a “relación especial” existente entre Compromiso e o PNV: "Compromiso é o noso aliado e amigo en Galicia e estou seguro que así vai a ser no futuro”. Unha alianza que foi referendada tamén por Xoán Bascuas que anunciou que “esta relación fraternal terá continuidade no tempo”. Despois do acto político, no parque de Eugenio Granell de Santiago tivo lugar un xantar de confraternidade que rematou con música galega.