CxG revela que o PP "foi desafiuzado" da súa sede de Ponteareas por non pagar

Local que acollía a sede do PP en Ponteareas © CxG

"Non pagar ningunha mensualidade do alugueiro dende hai dous anos". Esta é a razón que, segundo Compromiso por Galicia (CxG), levou un xulgado de Ponteareas a ditar unha orde de desafiuzamento contra o PP da localidade. A formación galeguista revelou este venres que os conservadores se viron forzados a abandonar a súa sede na localidade por falga de pagamento, nun contexto no que, di a secretaria de organización do partido, Sandra Araúxo, "o alcalde, Salvador González, non só leva á creaba o Concello, senón que leva por diante o PP local".

A xuízo de Araúxo "González debería explicar a que dedica os cartos que ingresa o PP" na localidade "en concepto de representación no Concello", no que teñen nove edís, para non poder facer fronte ao arrendamento. Nun sentido semellante, o coordinador provincial de CxG, Rafael Cuíña, coida que cómpre ter en conta que "o PP, coas súas políticas no Goberno do Estado e na Xunta, desampara os desafiuzados", as "verdadeiras vítimas desta crise", mentres "ampara a banca, mesmo chegando a etiquetar de etarras aos afectados polas súas xustas protestas".

Cuíña subliña que o PP "ten ingresos millonarios", polo que a única xustificación para non pagar é "a cara dura dos seus dirixientes"

"O PP non está nas mesmas condicións" que as persoas que non poden pagar a súa vivenda, di Cuíña, dado que "é un partido solvente" dende o punto de vista económico, "ten ingresos millonarios no estado e en todas as institucións nas que ten representación", polo que "non te xustificación que non paguen o alugueiro ao lexítimo propietario" do local que ocupaban. A única xustificación posible, ironiza, é "a cara dura dos seus dirixentes", polo que, conclúe, "quen non é quen de gobernar a súa casa é imposible que goberne a casa de todos".

 

 

Local que acollía a sede do PP en Ponteareas © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.