CxG xa ten candidato en Compostela e segue adiante coas súas primarias abertas

Convención das eleccións europeas de CxG CC-BY-NC-SA CxG

Compromiso por Galicia (CxG) continúa adiante co seu proceso de primarias en varias localidades galegas. Nesta fin de semana foi Compostela a que celebrou este proceso aberto, do que saíu como candidato á alcaldía -e á espera de posibles acordos con outras forzas- Xosé Antón López.

Xosé Antón López será o candidato de CxG en Compostela tras unhas primarias onde participaron máis de 350 persoas

"É un día importante para Compromiso e un día importante para a democracia. CxG é un referente nas eleccións primarias abertas. Agradecer a toda a xente que participou nesta festa democrática", asegurou López, tras unhas eleccións nas que participaron 359 persoas, das que 48 eran afiliados ou simpatizantes e 311 eran veciños e veciñas de Santiago "que se comprometeron cos principios políticos de CxG e achegaron euros cada un para os gastos da campaña". Xosemaría Rodríguez obtivo 153 votos, mentres que Xosé Antón López acadou 206.

O secretario local da formación, Modesto Toribio, asegurou que este evento demostra "a aposta clara do novo partido pola transparencia, a democracia participativa e por abrir as portas dos partidos políticos á xente, en relación co que a sociedade demanda". “Desde Compromiso practicamos a nova política da que tanto se fala. Somos máis de feitos que de palabras. Comeza unha nova etapa na que se empezará a falar das necesidades de Compostela e se deixará de falar de Pikachus, Pokemons e concelleiros designados a dedo”.

CxG celebrou tamén primarias en Ourense, Samos e A Baña e prepara xa as vindeiras en Vigo ou Pontevedra

Ademais, nos últimos días Compromiso por Galicia tamén realizou primarias abertas á cidadanía nos concellos de Ourense, Samos e A Baña. En Ourense, co 62% dos sufraxios emitidos saía adiante a candidatura de Xosé Mosquera no proceso de primarias, polo 38% da candidatura de Jonathan Domínguez. Tivo lugar o 4 de outubro e nel participaban máis de 280 persoas, algo que desde este partido político cualifican como “éxito”. Así o profesor universitario Xosé Mosquera Casero, cunha traxectoria de varias décadas vencellada ao galeguismo político e á Adminisitración Local, será a persoa que encabezará a lista de CxG en Ourense nas vindeiras eleccións municipais do 2015.

Pola súa banda, na Baña e Samos, saíron por unanimidade electos candidatos á alcaldía César Ramos e Xosé Real. Foron todas estas as primeiras eleccións primarias que continuarán nas vindeiras semanas noutras localidades. En Vigo, por exemplo, Miguel Barros xa anunciou que será un dos candidatos a alcaldable, ao igual que Daniel Lago. En Pontevedra, Pilar Dopazo tamén anunciou a súa intención de presentarse ao proceso aberto en Pontevedra.

Xosé Antón López, candidato de CxG á alcaldía de Compostela © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.