David Fernández deixará o seu escano

David Fernández, deputado de AGE CC-BY-SA AGE

David Fernández Calviño anunciará este mércores o seu abandono da cámara, nunha xornada na que tamén intervirá en rolda de prensa Xosé Manuel Beiras. 22 días despois, a lea nacida da súa renuncia vai rematar. Aínda que, dende logo, non da mellor forma para AGE. A negativa da número 2 de AGE en Ourense, a candidata de EU Carmen Iglesias Sueiro a ceder o seu posto á seguinte candidata de Anova, vai levar á coalición a perder un dos seusnove deputados, pois Iglesias Sueiro integrarase no grupo mixto. Será un mal final, pero un final, cando menos, para un proceso que se fixo longo de máis e que erosionou, moito ou pouco, á coalición.

Será un mal final, pero un final, cando menos, para un proceso que se fixo longo de máis e que erosionou, moito ou pouco, á coalición

Fernández Calviño leva 12 días, dende o 1 de novembro, compaxinando a súa condición de deputado, co seu posto de traballo na Universidade de Copenhague como investigador en Edafoloxía. Esquerda Unida presionou en público e en privado a Carmen Iglesias Sueiro para que esta atendese as condicións do acordo ao que Anova e EU chegaran á hora de presentar as candidaturas de AGE ás autonómicas do pasado ano.

Esta situación, que se saldará coa expulsión de Iglesias Sueiro da formación, levou a que, nun momento dado, mesmo se barallara a posibilidade de que Fernández Calviño mantivese o seu escano e realizase dende Dinamarca o seu labor parlamentario, acudindo aos plenos a votar. Estes tirapuxas e cambios de estratexia, lonxe de solucionar a situación, espertaron críticas internas e externas á xestión do conflito. Unhas críticas que foron especialmente duras por parte do PP. Alberto Núñez Feijoo chegou a afirmar que “se a xente soubese como funciona esa coalición, cambiaría a imaxe que ten dela”. Tamén Paula Prado, este mesmo martes, a través da súa conta de twitter, avivou aínda máis o lume: “Iniciamos el pleno del Parlamento, llegó el diputado desde Dinamarca (a dos horas de Galicia) pero no el de Brión”.

 

Recoñecemento a David Fernández

A asemblea de Anova en Ourense reuniuse este martes e fixo pública unha declaración que recoñecer "o traballo e a dedicación persoal e política" de David Fernández Calviño. De igual xeito, neste texto Anova criticou "o espectáculo no que se converteu unha situación cotiá como é a substitución dun cargo político nunha lexislatura, alimentado polas demais forzas políticas e medios de comunicación do sistema que é alleo á nosa vontade".

David Fernández, deputado de AGE CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.