De Cospedal avala o baltarismo no seu berce

Baltar con Cospedal no mosteiro de San Pedro de Rochas, en Esgos, nunha imaxe publicada polo PP de Ourense Dominio Público @PPdeOU

Logo de que o propio Mariano Rajoy avalara a semana pasada ao presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, malia a súa imputación por prevaricación e suborno, este xoves tocoulle a quenda á número 2 do partido, a súa secretaria xeral María Dolores de Cospedal. Se Rajoy lle dixera que “noutras cousas” mira “cara a outro lado”, sen indicar en que cousas, este xoves De Cospedal optou por evidenciar o seu respaldo a Baltar acudindo ao berce do baltarismo, o concello de Esgos, onde en 1940 naceu o seu pai, José Luis Baltar Pumar.

A número 2 do PP visita Esgos, vila natal de José Manuel Baltar, co seu fillo logo de que ofertase 128 postos de traballo na Deputación a catro días das autonómicas

Baltar Pumar foi condenado hai dous anos por prevaricación por enchufar a 104 persoas na época en que o seu fillo se impuxo no congreso provincial do PP pola súa sucesión e herdou así tanto o control do partido como da Deputación. Agora, a visita de De Cospedal ao Esgos natal do pai prodúcese logo de que o fillo veña de ofertar 128 postos de traballo na Deputación a catro días das eleccións autonómicas. De Cospedal únese así a Rajoy e Feijóo no aval a Baltar Blanco malia a súa imputación por supostamente ofrecer emprego a cambio de sexo a unha muller tamén investigada na mesma causa.

Ademais da visita a Esgos, De Cospedal participou nun almorzo no castelo de Maceda e deu un paseo electoral por Barbadás. Alí, en “Orense”, como o denominou, De Cospedal pediu o voto para dar “estabilidade, tranquilidade, seguridade e confianza aos cidadáns que non queren aventuras, bloqueos ou que lles tomen o pelo”.

O listado de 30 medidas que Ciudadanos esixirá a Feijóo para apoialo non menciona de xeito expreso a marcha de Baltar, malia reclamala nos últimos días

Mentres, en Santiago a candidata de Ciudadanos, Cristina Losada, acompañada do número 2 do partido, Juan Carlos Girauta, presentaba as “condicións” que fixarán a Feijóo para apoiar a súa investidura se non acada a maioría absoluta. En días pasados esixiran que Baltar deixe a Deputación, pero Feijóo xa relativizara esa condición asegurando que os votantes da formación laranxa prefiren que non goberne Podemos cos nacionalistas que a marcha do presidente ourensán. Este xoves o listado de 30 medidas de Ciudadanos non menciona a Baltar de xeito expreso. Limítase a pedir a “separación inmediata dos cargos públicos que fosen imputados formalmente ou encausados por delitos de corrupción”, redacción similar á do pacto entre Rajoy e Rivera que logo foi matizado pola propia formación dicindo que ao ser un acordo de ámbito estatal non afectaría aos cargos locais, como Baltar. Agora, as eleccións son de ámbito autonómico.

Un momento da visita de Baltar e Cospedal a Esgos Dominio Público @PPdeOU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.