De Karina Falagan a Sáenz de Santamaría: Samil como termómetro dos populares

Soraya Sáenz de Santamaría paseando este domingo pola praia viguesa de Samil en compaña da ministra Ana Pastor CC-BY-SA Praza Pública

A vicepresidenta do Goberno en funcións, Soraya Sáenz de Santamaría, deu este domingo un acelerado paseo pola praia viguesa de Samil, pediu ante os escasos medios de comunicación alí congregados que os votantes elixan entre “un goberno moderado ou un goberno morado”, e sentou a tomar un refresco cuns poucos compañeiros de partido nun moderno 'lounge' de madeira, liñas rectas e cores claras. Nese mesmo lugar aínda sen remodelar, barroco chiringuito con aspiración de restaurante, sentaba hai un tempo a súa anterior propietaria, a estridente Karina Falagan, musa do primeiro fraguismo falecida hai agora tres anos, para a que o morado era só unha máis das moitas cores do seu armario. O seu vello Jonathan, concesión municipal con novos propietarios, chámase agora Marina Cíes Beach Club. O seu vello PP no que facer ben o amor era sinónimo de gobernar aínda mellor, como chegou dicir de Fraga, prefire hoxe unhas formas de facer política menos chamativas.

A vicepresidenta pide un “goberno moderado", non "un goberno morado” e, tras un acelerado paseo pola praia viguesa, senta no chiringuito  -agora aséptico 'lounge'- que rexentara a finada estridente musa do primeiro fraguismo

A vicepresidenta e candidata por Madrid chegou este domingo a Vigo nun voo con demora para dar un paseo electoral pola praia de Samil e logo comer con afiliados e co presidente Feijóo en Cambados. Foi na súa primeira parada onde, acompañada da ministra de Fomento, Ana Pastor, candidata por Pontevedra, lanzou o antedito chamamento a votar “un goberno moderado” e non “un goberno morado”, en alusión á cor de Podemos. Todo o que non sexa votar o PP, dixo, “é votar en branco”, xa que “non sabemos que van facer logo con eses votos”. E votar PP, salientou, é votar “seguridade, emprego”, fronte a outros “esquemas, chámese grego, chámese venezolano”, que empobrecerían o país. Logo de lanzar a mensaxe do día, a vicepresidenta deu un paseo duns 400 metros, quince minutos e varias ducias de fotos con simpatizantes. Había pouco tempo, pero o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou que era suficiente para tomar “unha caña” antes de seguir viaxe cara Cambados, e acabaron na terraza que máis preto había. Alí onde durante tres décadas se levantou o Jonathan e sentou Karina, a “alcaldesa do Atlántico”, como se autonomeaba.

A presidenta tirouse fotos con simpatizantes e deixou o reparto de propaganda en mans de Alfonso Rueda e Javier Dorado

Neste PP tan distinto a aquel no que a amiga de Fraga movía as súas influencias, o paseo da vicepresidenta xunto á praia de Samil foi ben pouco chamativo. Sáenz de Santamaría estivo máis pendente de sacarse fotos con fans nos poucos minutos que tivo que de repartir propaganda, labor que quedou en mans de Rueda e do deputado autonómico vigués Javier Dorado, ambos marcados polo seu paso pola infantería do partido, as Nuevas Generaciones. Na comitiva ía tamén Miri Barreira, man dereita da vicepresidenta e candidata ao Senado por Ourense. Pero malia que a lenda urbana di que Samil está cheo de ourensáns, pouco esforzo fixo a de Verín por captar votos da súa circunscrición. Optou por tentar pasar desapercibida, malia que pouco a axudaba vestir completamente de negro baixo o sol do mediodía vigués .

No curto paseo da vicepresidenta houbo simpatizantes pero tamén algún crítico. Como unha parella de mediana idade que rexeitou a propaganda que lles ofrecía Rueda. “Hai que moderarse un pouco”, pediulle o home aos populares, talvez sen lembrar a época de Karina e antes de engadir: “Eu voto a Podemos”.

A vicepresidenta consultando o móbil sentada no chiringuito da praia de Samil que rexentaba Karina Falagan CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.