De Lara acurrala a Paula Prado

Paula Prado, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Tráfico de influencias, prevaricación, falsidade documental e suborno. Eses son os delitos que tería cometido a ex voceira do PPdeG e deputada Paula Prado, segundo se tira da exposición motivada que remitiu a instrutora da operación Pokémon, Pilar de Lara, ao TSXG. É neste documento xudicial no que a xuíza expón os argumentos polos que, segundo o seu parecer, o TSXG -debido á condición de aforada da parlamentaria- debe investigar a exportavoz dos populares.

De Lara sospeita que Prado cometeu varios delitos: tráfico de influencias, prevaricación, falsidade documental e suborno

Será agora o TSXG quen deberá pronunciarse sobre se admite a trámite e imputa a deputada do PPdeG, que tan só compareceu como testemuña ante Pilar de Lara. A Fiscalía analizou a documentación e recomendou que se investigue a Paula Prado para comprobar se incorreu nalgún ilícito penal.

De Lara quere aclarar a participación de Prado, sendo concelleira en Santiago, no "pagamento dunha factura inflada" pola representación do espectáculo La Abeja Maya para beneficar así o empresario Jesús Fuentes, que está implicado en presuntas adxudicacións ilícitas a favor das empresas GRS e Aquagest. Ademais, tamén se investiga a "influencia" da ex voceira popular na contratación de persoas afíns ao partido en empresas concesinarias no Concello de Compostela, "chegando a adoptar os currículos aos postos de traballo". 

"Facturas infladas", enchufes ou facturación a través de persoas interpostas son algunhas da sospeitas que cita a xuíza

"Independentemente doutros supostos, revelados nos informes presentados, tería enchufado supostamente algunha persoa para ser contrtada por Sermasa, adxudicataria do concurso da escola infantil de Salgueiriños", di De Lara, que cre que a que fora concelleira "podería ter intervida nalgúns expedientes de acometida de auga a favor de terceiros e na resolución dun expediente dun local chamado Moon, probablemente de apertura ou peche por ruídos".

A oposición segue a exixir a dimisión de Prado, aínda deputada tras deixar o cargo de voceira do PPdeG

Tamén repara De Lara na suposta petición que Prado fixo en xuño de 2012 ao concelleiro Albino Vázquez para permitirlle aparcar o seu coche privado no Obradoiro e evitar así que se lle impuxesen sanción. Ademais, investiga tamén "influencias supostamente ilícitas" nas que tería intervido a deputada popular para "beneficar economicamente" ao seu marido. A facturación a través de persoas interpostas é outra das sospeitas nas que indaga a xuíza.

A aínda deputada popular dimitiu en xuño do seu cargo como voceira do PPdeG e emitiu un comunicado negando as supostas irregularidades, aínda que tardou semanas en comparecer ante os medios. A oposición continúa pedindo a súa dimisión, mentres o PPdeG intenta evitar o tema ou desviar a atención noutros casos de corrupción alén do Padornelo. 

Prado anuncia a súa dimisión como voceira do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.