A xuíza Pilar de Lara segue a engrosar a lista de políticos e ex-políticos investigados, neste caso na Operación Cóndor, a investigación que a titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo mantén aberta sobre a empresa de autobuses Monbus e o seu propietario, Raúl López. A partir dos informes nos que Vigilancia Aduanera -corpo empregado pola xuíza como policía xudicial- debulla o envío de botellas de viños de luxo a máis dun cento de políticos, técnicos e militares a maxistrada optou por pedir que sexan investigados os cargos que actualmente están aforados e, no caso dos que non o están, tramitar xa as imputacións por presunto suborno. Nesta listaxe, de ata vinte e catro persoas, inclúe ao agora presidente da Federación Galega de Fútbol e ata o pasado ano presidente da Deputación pontevedresa e líder do PP nesa provincia, Rafael Louzán, que declarará este xoves.
No caso concreto de Louzán a maxistrada pediralle explicacións por figurar no informe da investigación como receptor de envíos de viños de alta gama por uns 1.400 euros no seu domicilio particular entre 2010 e 2013, cando aínda dirixía o PP de Pontevedra e mais a propia institución provincial, que segundo os investigadores adxudicou neses anos servizos a Monbus por importe duns 112.000 euros. A xuíza decide incluílo no "listado de suxeitos a imputar" porque, segundo o informe, recibiu agasallos de Raúl López por un importe superior a 400 euros, no que De Lara fixa o limiar segundo o cal un obsequio vai "máis alá dos usos sociais" e "merece reproche penal".
A xuíza imputou o ex-presidente da Deputación de Pontevedra xunto a unha vintena de persoas por figuraren como receptores de viños por máis de 400 euros
Ao carón do nome do ex-líder do PP de Pontevedra e actual responsable do fútbol galego a maxistrada inclúe varios cargos e ex-cargos de diversas Administracións, a maioría de fóra de Galicia, caso de organismos como AENA ou RENFE, así como responsables políticos ligados á xestión da área dos transportes en Catalunya e Castilla-La Mancha . A xuíza resolveu estas imputacións nun auto ditado o pasado 21 de outubro, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, e no que tamén iniciou os trámites para solicitar que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Supremo investiguen os cargos aforados que, segundo a instrución do caso, foron receptores de agasallos de Monbus.
O fiscal advirte de que "independentemente do que pretendese" Raúl López, os agasallos de Monbus "non son susceptibles de seren considerados como ilícito penal"
De Lara dá estes pasos contra o criterio da Fiscalía que, como informou este diario, recorreu o auto a principios de novembro a través do fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes. Nese documento o Ministerio Público coida que á luz dos informes de Vigilancia Aduanera "non pode constituírse un delito continuado nin sumarse os importes dos agasallos recibidos nos sucesivos anos", ademais de advertir de que "os niveis de tolerancia social" a estas condutas non son na actualidade os mesmos que no pasado. "Nos anos en que se realizaron -advirte- unha parte maioritaria da sociedade considerábaos como usos sociais arraigados".
"Independentemente do que pretendese o remitente", agregou o fiscal, os agasallos de Monbus "non son susceptibles de seren considerados como ilícito penal". Este recurso da Fiscalía foi desestimado por De Lara á semana seguinte, nun novo auto no que asegurou non estar en condicións de "excluír" que "os agasallos recibidos poidan ser recompensa por actos de favorecemento" á empresa.