"De seguirmos este camiño, os fillos dos nosos fillos xa non falarán galego"

Presentación da declaración institucional da RAG sobre o galego © RAG

A Real Academia Galega (RAG) fixo pública o pasado venres unha declaración institucional, O galego dá vida, pola vida do Galego, en resposta aos moi negativos datos sobre a situación da lingua revelados nos últimos tempos polo INE e polo IGE. A RAG responsabiliza da situación, principalmente, ao Goberno galego, a quen lle esixe que "asuma" o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004 e que "poña en marcha" as "medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación", ademais de "emprender iniciativas concretas con prazos precisos" para evitar o esmorecemento do idioma. Menos dunha semana despois daquel chamamento, ao que a Xunta contestou dicindo que non ha mudar nada, falamos con Henrique Monteagudo, secretario da Academia, que aposta por unha "reflexión interna" no PP para virar unha tendencia que pon en "risco" a lingua propia.

Por que agora esta reflexión e esta declaración institucional?

Realmente, a reflexión sobre o uso do galego na Academia é continua e as achegas ou declaracións, habituais. Xa o ano pasado fixémoslle unha petición á Xunta para que publicase os datos sobre a presenza do galego no ensino primario, algo que atendeu, polo que tampouco é tanta novidade que se pronuncie sobre estes temas. Aínda así, é evidente que os datos do IGE foron unha especie de punto de inflexión, viñeron poñer cifras a unha tendencia que se adiviñaba de decadencia. Son uns datos moi impactantes. Ademais, veñen confirmar os temores que xa se agardaban de que certas medidas lexislativas, coma o decreto do plurilingüismo, era esperable que tivesen un efecto nocivo sobre o galego. As cifras estatísticas veñen confirmar todo isto do que xa advertiamos.

"Os datos do IGE viñeron poñer cifras a unha tendencia que xa se advertía decadente; son impactantes"

A Xunta retrucou case obviando o chamamento e advertindo que non vai mudar a súa política lingüística. Non parece que fagan moito caso á RAG?

O Goberno da Xunta e a Real Academia Galega teñen un desacordo claro, en particular sobre o decreto do plurilingüismo. As dúas institucións teñen asumido que este é un motivo de desacordo, nós temos recorrida a norma e o proceso xudicial aínda non rematou. Está claro que non concordamos, pero en ningún momento estas diferenzas supuxeron un obstáculo para a interlocución ou unhas relacións institucionais normais.

Pero non parece que no Goberno galego haxa vontade de mudar ou dar ese xiro que lle reclaman...

A min dáme a impresión, desde o meu punto de vista persoal e polo contacto frecuente que teño coas persoas ao cargo da política lingüística na Xunta, de que hai unha reflexión que o propio partido do Goberno ten que ir facendo e interiorizando. Non sei onde vai acabar, pero estámoslles dando elementos para que fagan esa reflexión, non só desde a RAG, senón tamén desde outros estamentos sociais. Esperemos que dando estes argumentos a Xunta se decate de que houbo unha serie de cousas que se dicían que eran mentira, que non eran tal e de que houbo decisións prexudiciais. Ten que haber unha reflexión interna no PP... Pero que outra cousa podemos facer desde a Academia? O Goberno goberna e a RAG dá a súa opinión como alto organismo encargado de defender o galego e asesorar sobre determinadas cousas, pero a partir de aí, a reflexión debe vir dos políticos.

"A reflexión ten que vir do partido do Goberno e tena que ir facendo e interiorizando; a RAG dálle elementos para que a faga"

Nota arrepentimento no PP logo daquela campaña electoral na que o galego foi arma electoral para acabar saíndo tan prexudicado?

O PP é un partido moi grande, con sectores diferentes, e abrangue case a metade do corpo electoral galego, polo que hai diferentes sensiblidades sobre o galego. Eu creo que no PP de Galicia maioritariamente non hai vontade de fastidiar o galego, non o creo que se queira facer de forma deliberada. Na medida na que se lles poñen sobre a mesa argumentos e van observando as concecuencias de determinadas decisións, penso que reflexionarán sobre o asunto e o farán internamente. Sería moi atrevido dicir que percibo arrepentimento; en todo caso, iso depende moito das persoas coas que fales.

"Non creo que no PP haxa unha vontade maioritaria de fastidiar o galego nin que se faga de xeito deliberado"

Pero desde o PP e desde a Xunta mesmo sacan cousas positivas dos malísimos datos estatísticos sobre o uso do galego, non é demasiado rebuscado?

Eles teñen que buscarlle o lado máis favorable, pero con estas estatísticas téñeno moi complicado porque son moi contundentes, máis aínda do que se tería esperado e, de feito, creo que no futuro habería que matizalas. O que está enriba da mesa fala con moita claridade para quen queira oílo. As conversas que tivemos coa Xunta foron claras e expuxémoslle claramente que eses datos obrigan a unha reacción, unha reacción que non debe ser só da Xunta, e por iso desde a RAG interpelamos tamén a diferentes sectores sociais. 

Pero estamos a tempo? Non corre o galego un serio risco?

Risco si que corremos, está claro. Levamos moi mal camiño e con esta tendencia, de non modificarse, os fillos dos nosos fillos non van falar galego porque estes non van ser capaces de transmitirlles o galego aos pequenos. Se xa nos custa a nós transmitírllelo e que o manteñan, imaxinemos o que lles pasará a eles se isto non cambia. Dito isto, claro que estamos a tempo porque, malia todo, a posición do galego entre as linguas minoritarias de Europa aínda é favorable.

"É claro que o galego corre risco de seguir por este camiño, pero aínda estamos a tempo"

Foi peor a aplicación legal da política lingüística da Xunta do PP ou o desprestixio do idioma?

Esta é unha das cousas que é máis difícil de facerlles entender aos responsábeis políticos. Sendo moi importante a norma, para a sociedade as normas legais teñen un valor simbólico, do que se busca, da mensaxe que hai detrás delas. A mensaxe que recibiu a sociedade galega desde hai uns anos atrás foi un sinal de abandono e quizais quen a lanzou non pensou ou non se decatou de que podía ter esa lectura, pero a lectura que fixo a cidadanía foi que quen sabe, manda e dirixe nos dixo que isto da lingua había que deixalo porque non vai a ningures. Foi a interpretación que se lle deu. As medidas legais son unha plasmación dese outro estado de opinión que, no fondo, é o máis importante. No caso da lingua, se un goberno adopta leis restritivas para un idioma o que expresa é que a súa aspiración é un idioma restrinxido, que vaia cara a abaixo.

"A mensaxe que recibiu a sociedade galego foi de abandono do galego, de que había que deixalo porque non ía a ningures"

Á marxe da estratexia política e institucional, a que se leva a cabo por parte das diferentes entidades defensoras do idioma parécelle a axeitada?

En xeral o que nos fai falta a todos é unha viraxe social. Iso non significa aliviar a responsabilidade dos responsables políticos, pero en Galicia polarizamos moito a cuestión da lingua cara a aspectos estritamente políticos, partidarios, legais... E esa perspetiva foi un pouco unilateral. A reacción ante os ataques ao idioma non pode ser pedir regulamentos e normas, porque claro que fan falta, pero á sociedade non a vas conquistar así. Na Transición non tiñamos nada, nin goberno nin nada; todo esaba en contra, pero houbo unha dinámica de entusiasmo cara ao galego que permitiu avanzar. Non debemos perder de vista que onde se xoga esta batalla é nos valores sociais, nas imaxes que se lle transmiten á sociedade... Non restemos importancia ás leis, pero a quen temos que interpelar é aos distintos sectores sociais, que son aos que temos que convencer. Agora ben, entrar agora en polémicas con entidades non beneficia a ninguén porque cada agrupación é soberana para definir as súas estratexias e o que temos que facer é respectarnos e pelexar polo galego como mellor saiba e poida cadaquén.

Monteagudo, Anxo Lorenzo e Alonso Montero © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.