Debate ás présas na TVG para formular a alternativa ao PP

Un intre do debate electoral na TVG CC-BY-SA Praza Pública

Présa. É a sensación que emanaban os representantes das formacións diferentes do PP no debate electoral celebrado este mércores a media tarde na Televisión de Galicia. A canle pública non concibiu, como noutrora, un espazo específico en horario de máxima audiencia para que as forzas políticas debullasen devagar os seus proxectos. Ben ao contrario, PP, PSdeG, NÓS e en Marea foron convocados para, en apenas 70 minutos do programa Área Pública, intercambiaren ideas sobre "economía e emprego", "políticas públicas" e "modelo de estado", tres macrobloques temáticos nos que as forzas da esquerda procuraron acumular críticas e propostas para presentarse como alternativa ao PP cuxo representante, José Manuel Barreiro, se centrou dende a relaxación na defensa da xestión de Mariano Rajoy.

As formas e a franxa horaria foron, precisamente, albo das críticas de Pilar Cancela (PSdeG) e Carme Adán (NÓS) no inicio dun encontro marcado pola confrontación de modelos económicos. Os 25.000 empregos destruídos en Galicia nos últimos catro anos, pola banda de NÓS, a vivencia "en primeira persoa" de non ser quen de "encadear máis de oito meses de traballo", aludida por Antón Gómez-Reino (En Marea), e a abundancia de empregos temporais que "non lle garanten a ninguén un proxecto vital", criticada por Cancela, bateron cun Barreiro aferrado ás grandes cifras estatais: "creamos 1.500 empregos diarios", asegura.

Segundo o actual voceiro popular no Senado non é "triunfalismo", senón pura "obxectividade", que "o camiño" emprendido polo PP é o "acertado", incluíndo unha reforma laboral que as tres forzas da esquerda se comprometen a derrogar. Os conservadores, censura Gómez-Reino, non viven no "país real" no que xa é común "traballar e ser pobre". Por iso, di, son necesarias alternativas que para a candidata de NÓS por Pontevedra pasan por medidas concretas como "a tarifa eléctrica galega, para abaratar os custes e non os salarios" e para Cancela, por plans como a reforma do Servizo Público de Emprego e unha suba do SMI. "Estamos plantexando crecemento económico e emprego de calidade" para que "haxa 20 millóns de españois traballando en 2020", retrucou Barreiro.

Política social

O lixeiro detemento na área económica esvaeu ao chegar ao bloque máis amplo, o de "políticas públicas", con cuestións tan diferentes como o investimento social, as pensións ou as infraestruturas. Nesta liña, Barreiro optou novamente por unha estratexia defensiva que o levou, por exemplo, a negar a existencia do "repagamento" en medicamentos que, ilustrou Adán, sofre a súa propia nai por mor das reformas do PP. Na mesma liña, o candidato conservador á Cámara Baixa deu en exemplificar a súa xestión co novo hospital de Vigo, o "mellor de Europa" malia ter, admite, "xestión privada".

O único debate electoral foi programado a media tarde e estruturado en tres macrobloques temáticos

Para o candidato de En Marea pola Coruña non pode haber cambio de rumbo no eido social sen antes "derrogar" a actual redacción do artigo 135 da Constitución e "construílo ao revés" para "consolidar un solo de gasto público. Esa derrogación deféndea tamén a socialista Cancela -"podemos rectificar", resalta-, mentres que NÓS aposta por tombalo e, paralelamente, reformular o financiamento galego cara a un modelo de cupo.

Modelo de Estado e peche

As pensións, a demografía ou mesmo a violencia de xénero só puideron ser abordadas superficialmente antes de chegar ao treito final do debate, sobre a organización territorial do Estado. A "soberanía nacional" de España como "innegociable" e vixente Constitución como mellor marco posible de convivencia, argumentos de Barreiro, contrapuxéronse coa "reforma constitucional" defendida polo PSdeG, cuxa candidata defende incluír dereitos como a sanidade ou a educación. Tamén Gómez-Reino defende incluír os "dereitos sociais", pero nun "novo modelo" no que, "sen temor", existan "mecanismos democráticos" para o encaixe estatal.

As forzas da esquerda procuraron combinar críticas e propostas mentres o represante do PP, máis relaxado, defendeu a Rajoy baseándose en grandes cifras estatais

O "dereito a decidir dos pobos", como alternativa "máis democrática" a unha "Constitución vella" foi a aposta de Adán nunha mesa na que, de novo ás présas, candidatos e candidatas apenas puideron bosquexar as súas alternativas para, por exemplo, o financiamento local, o Senado ou as Deputacións. "Eu creo no Senado e nas Deputacións", resumiu Barreiro.

Sen tempo para máis, Gómez-Reino empregou a súa quenda de peche para chamar a continuar nas xerais a "primavera" iniciada nas municipais coas mareas. Carme Adán apelou ás mulleres que cobran menos que os homes polo mesmo traballo, aos gandeiros ou mariñeiros para pedir a "oportunidade" de "soñar Galiza" dende a bagaxe do BNG no Congreso. Cancela animou a poboación a preguntarse se, tras "catro anos de Rajoy e sete de Feijóo", vive mellor ou peor. Barreiro, derradeiro en intervir, presentou o PP como única garantía de "estabilidade" unha vez "superada" a crise. E partiu o debate. 

José Manuel Barreiro (PP) CC-BY-SA Praza Pública
Pilar Cancela (PSdeG) CC-BY-SA Praza Pública
Carme Adán (NÓS) CC-BY-SA Praza Pública
Antón Gómez-Reino (En Marea) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.