O Pazo de María Pita acolleu na mañá deste sábado a xuntanza do Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. A reunión tiña como obxectivo impulsar, mediante a chamada Declaración da Coruña, tanto o propio organismo como a cooperación entre as distintas localidades participantes no mesmo, ademais de preparar a vindeira asemblea xeral da Conferencia, que terá lugar este mes de abril en Viana do Castelo. Na xuntanza do Buró Executivo participaron representantes de Viana do Castelo, La Rochelle, Donosti, Clavette ou Brest, ademais da Coruña, que acordaron "fomentar e intensificar a cooperación entre os nosos municipios, como base dun desenvolvemento sostible en común, para que a cidadanía da beira atlántica teña voz en Europa”.
Xulio Ferreiro valorou o encontro desenvolvido este venres e sábado na Coruña como "o punto de partida para impulsar políticas e proxectos de forma conxunta en Europa”. As cidades participantes identificaron unha serie de puntos de interese común, nos que traballarán de forma cooperativa, por exemplo os ámbitos da participación, o mar, o ciclo da auga, o medio ambiente e o desenvolvemento urbano. “A idea é que a partir destes asuntos comúns identifiquemos programas europeos que nos permitan ás Cidades do Arco Atlántico presentar, de forma conxunta, propostas e proxectos de grande escala”, dixo o rexedor.
“No contexto no que estamos a analizar as consecuencias do Brexit, e no que a Unión Europea vira cada vez máis cara ao leste, as localidades do arco atlántico debemos poñer en valor as potencialidades da parte máis occidental de Europa e os intereses comúns que temos”, sinalara este venres o alcalde coruñés, que participou na xornada sobre Desafíos das cidades atlánticas na véspera do Brexit, organizada pola Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, o Comité das Rexións e o Concello, cunha intervención titulada Dereito á cidade.
Unha cidade máis próxima, habitable e que resolva problemas
Ferreiro destacou o dereito á cidade “como un dereito a reconstruír e recrear a cidade como unha comunidade distinta, mellor, que erradique a pobreza e a desigualdade social crecente, e que enfronte as feridas da desastrosa degradación medioambiental ao tempo que asegura o futuro”. “Para que iso suceda é necesario substituír as formas destrutivas de urbanización, para poñer no seu lugar un modelo de desenvolvemento sostible e compatible coa vida e co planeta”. “A administración local, non xa do futuro, senón do presente, esixe superar o modelo xerencial que nos precede, esa visión administrativista propia do empresarialismo urbano, para asumir novas funcións, unha axenda de temas moito máis ampla e un horizonte estratéxico máis ambicioso, sempre sobre a base da recuperación da soberanía, secuestrada pola doutrina austeritaria e as leis de estabilidade e sostibilidade financeira”, dixo.
No seu discurso, Ferreiro apelou á participación, á transparencia e á rendición de contas como eixos das novas cidades, cun novo modelo de mobilidade, que garanta os dereitos básicos da cidadanía e que estableza mecanismos de cooperación con outras administracións, facendo referencia á constitución da futura área metropolitana da Coruña.
A Conferencia de Cidades do Arco Atlántico funciona dende o ano 2000 como rede de cooperación e nela participan 19 cidades de Irlanda, Francia, España e Portugal. Este sábado as urbes reunidas na Coruña comprometéronse a traballar a prol dunha Estratexia Marítima Atlántica e o seu plan de acción “para que teña maior visibilidade nos programas europeos”, ademais de solicitar unha revisión da actual Axenda Urbana Europea “para que poidan acceder á mesma localidades medias ou con características xeográficas específicas, como as desta rede”.