Denuncian a construción dun aeródromo ilegal en Caldas

Está situado en Godos, próximo a varios núcleos de poboación Dominio Público Google maps

En Caldas de Reis aumenta a polémica pola construción dun aeródromo na parroquia de Godos, moi próxima tamén ao Concello de Vilagarcía. O proxecto fóra paralizado durante o goberno bipartito pola Consellaría de Medio Rural, pero recibiu un novo impulso en 2010 cando no pleno municipal PP, PSdeG-PSOE e Independentes por Caldas votaron a favor da recualificación duns terreos para facilitar a obra, e só o BNG votou en contra. Porén, o aeródromo a día de hoxe carece da imprescindible autorización da Axencia Española de Seguridade Aérea. Isto non foi obstáculo para que este ano a Deputación de Pontevedra iniciase, con cartos públicos, as obras de acondicionamento das pistas deste aeródromo privado, promovido por un ex concelleiro do PP.

O proxecto comunicativo Quinteiro do Umia afonda no caso nunha reportaxe audiovisual na que repasa a historia e os motivos deste polémico proxecto, e na que entrevista o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey (PSdeG), a Cristina Barros (Esquerda Unida de Caldas) e a Marcos Pérez, arquitecto e coñecedor de asuntos urbanísticos.

A polémica nace coa propia escolla dos terreos para a construción do aeródromo, a 500 metros dunha gasolineira e de varios núcleos de poboación. Ademais, nun dos extremos do aeródromo construíuse un viaduto do AVE. Mesmo así, os seus promotores decidiron seguir adiante e conseguiron que o pleno municipal aprobase a modificación puntual do PXOM. Esta modificación puntual realizouse en base a un informe dun técnico agrícola, que defendía que os terreos deixaban de ter valor agrícola porque se inundan con frecuencia coas crecidas do río Umia, moi próximo, un argumento máis para as voces contrarias á construción do aeródromo neste lugar.

Estas mesmas voces opositoras denuncian irregularidades na tramitación do expediente urbanístico, pois a resolución emitiuse antes de que finalizase o período de alegacións. En total presentáronse unhas 70 alegacións, e moitas máis sinaturas na súa contra. O alcalde, Juan Manuel Rey, defende que “dende o punto de vista urbanístico, o aeródromo cumpre coa lei, ou cumprirá” aínda que recoñece que “é certo que nalgún momento se puxeron os carros diante dos bois”. Para o arquitecto Marcos Pérez, “todo é legalizable, na práctica, pero en casos coma este tense que legalizar por unha modificación do PXOM encaixada a patadas”.

O alcalde defende que o aeródromo funcionará como un atractivo turístico para a comarca: “un pobo con aeródromo é moito máis que un pobo sen aeródromo”, e lembra que no norte de Portugal este tipo de instalacións son habituais, mesmo en vilas do tamaño de Caldas: “non parece lóxico que alguén que se queira iniciar na aviación teña que ir todas as fins de semana a Portugal”. Porén, os grupos opositores engaden ás denuncias anteriores as súas sospeitas doutras irregularidades e intereses políticos en levar adiante este proxecto. 

O aeródromo carece de autorización da Axencia Española de Seguridade Aérea © Quinteiro
Está situado en Godos, próximo a varios núcleos de poboación Dominio Público Google maps
O terreo, próximo ao Umia, inúndase con frecuencia © Quinteiro
A carón da pista foi construído un viaduto para o AVE © Quinteiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.