Un dos primeiros e máis evidentes cambios tras a vitoria de Xoaquín Fernández Leiceaga nas primarias do PSdeG produciuse no grupo socialista no Parlamento de Galicia, ata ese momento liderado por quen resultou derrotado no proceso. José Luis Méndez Romeu renunciou ao seu cargo e a xestora dos socialistas -órgano que substitúe transitoriamente a Executiva Nacional dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro- apostou pola mudanza, situando á fronte do grupo caras novas e afíns á liña do candidato á Presidencia. O equipo parlamentario que encabeza Patricia Vilán ten diante de si o seu derradeiro reto parlamentario interno. O que será, en certo xeito, tamén o derradeiro acto do PSdeG xurdido das urnas autonómicas de 2012, con Pachi Vázquez á fronte.
O vindeiro pleno da Cámara, o que previsiblemente servirá para botarlle o ferrollo á lexislatura a efectos prácticos -o período de sesións remata a mediados de xullo e, previsiblemente, Alberto Núñez Feijóo disolverá o Parlamento e convocará eleccións nas últimas semanas de agosto- ten na súa orde do día a elección dos tres postos que lle corresponden ao lexislativo galego no Senado: dous do PP e un do PSdeG. Alén do feito de que esa distribución reflicta unha correlación de forzas que se podería alterar tras as eleccións galegas, a nova elección abriu unha -nova- fenda da parte maioritaria do grupo coa xestora e coa súa propia dirección: os partidarios de Romeu defenden que sexa el quen ocupe ese posto, mentres que a xestora advirte de que seguirá nel o elixido en decembro, Modesto Pose.
As razóns da xestora para manter a Pose son as expostas por Leiceaga hai poucos días ante a prensa. O PSOE decidiu a nivel federal que a súa representación nas Cortes non mudase nas novas xerais e, polo tanto, este criterio esténdese tamén aos senadores por representación autonómica. Ademais, engadía, enviar a Romeu á Cámara Baixa non se correspondería co seu "paso ao segundo plano" tras perder as primarias, tomado a iniciativa propia e "en contra do meu criterio", resaltou o candidato, quen lle pedira ao seu opoñente que continuase como portavoz parlamentario ata o remate da lexislatura. Mentres, os partidarios de Méndez Romeu consideran que a súa elección suporía unha mostra de vontade de integración cara ao futuro.
Os partidarios de Romeu defenden que sexa el, e non Pose, o senador socialista por designación autonómica
Este é o escenario no que os socialistas chegaron á tensa xuntanza do grupo parlamentario celebrada este xoves no Pazo do Hórreo. O encontro, resaltan fontes oficiais do partido, non fora organizado co obxectivo de establecer unha negociación, senón para que Vilán "comunicase" a decisión da continuidade de Pose. Entre as atribucións outorgadas pola dirección do PSOE á xestora, resaltan, está coordinar a actividade do grupo no Parlamento de Galicia ata que se elixa, no Congreso Nacional posterior ás autonómicas, unha nova dirección do partido. Por este motivo, agregan, non se produciu a votación que reclamaban os críticos.
A antiga vicevoceira e ex-conselleira, Carmen Gallego, púxolle voz á postura contraria á dirección. A dirección do grupo, acusa, ten "un talante pouco democrático" e está "secuestrada" pola xestora, órgano que, asegura, "non ten lexitimidade para dirixir un partido tan importante en Galicia como é o PSOE".
Vilán "comunicou" este xoves ao grupo a decisión de non mudar o nome e os críticos acúsana de ter "talante pouco democrático"
Unha vez comunicadada e formalizada a proposta no rexistro do Parlamento, só resta a votación en pleno do martes. A elección realízase por sufraxio secreto das deputadas e deputados, polo que os críticos poderían optar por desmarcarse. Isto xa sucedeu parcialmente na votación de outubro, cando Pose só sumou 12 votos entre os 17 socialistas que estaban presentes -un deputado do PSdeG estaba de baixa nesa xornada-. Desta volta, se se trasladase mecanicamente a esta votación a correlación de forzas entre afíns de Leiceaga e Romeu nas primarias, a diferenza podería ser de 14 a 4 -A propia Vilán, os vicevoceiros Noela Blanco e Emilio Vázquez e mais a vicesecretaria da Cámara, Concepción Burgo-.
Dende a contorna da dirección do PSdeG outórgaselle, en todo caso, importancia relativa a este episodio. "Entendo que hai diversidade de opinións, pero ao final imponse a disciplina á hora de pasar á acción", afirmaba este xoves Leiceaga durante unha visita a Ourense. A impresión máis estendida, en todo caso, é que o derradeiro acto do PSdeG de 2012 é tamén para os protagonistas desta xeira un xeito de tomar posicións cara á confección das listas electorais, nas que poucos dubidan no partido que haberá profundas mudanzas a respecto das de hai catro anos.