Despois da batalla: que pasou nas eleccións galegas?

Vázquez, Beiras e Jorquera CC-BY-SA Praza Pública

"Son as eleccións máis raras que vin na miña vida". Un alto dirixente dun partido estatal cunha dilatadísima traxectoria lanzaba esta reflexión na primeira xornada da campaña electoral que culminou nas eleccións do pasado 21 de outubro. A crise económica, os recortes, a desafección política que rexistran estudos coma os do CIS e a reestruturación do mapa partidario do país pola banda da esquerda abrían un escenario case imprevisible, no que convivían inquéritos que afianzaban a Alberto Núñez Feijóo nunha folgada maioría absoluta -como finalmente aconteceu- con outros que deixaban aberta a porta a un cambio de cor política no Goberno da Xunta. Chegou o 21-O e o PP non saíu indemne ao ollar o cómputo de votos pero si saíu reforzado, pasando de ter un a ter tres escanos sobre a maioría absoluta. Mentres, a que fora oposición parlamentaria de PSdeG e BNG desplomouse mentres emerxeu a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) liderada por Xosé Manuel Beiras. E todo isto, por que?

"Nas eleccións materializouse unha situación larvada, que é a crise do PSOE e do BNG, como organizacións e como alternativa conxunta". Quen realiza esta reflexión é Carlos Neira, economista e experto en análise demoscópica e electoral, para quen AGE "veu ocupar, sen querelo" e "sen ter un proxecto maduro, unitario e claro", "o espazo que deixaron PSOE e BNG" tras compartir o Goberno da Xunta. Tras perderen o Executivo en 2009 as relacións de socialistas e nacionalistas racharon e na campaña "era tarde" para amosar a unidade. "Tentouse escenificar en campaña para apañar votos", asegura.

Nun sentido semellante analiza o acontecido Francisco Martínez Hidalgo, profesor e politólogo especializado en comunicación política. "A única opción estratéxica que tiñan PSdeG e BNG era amosarse como alternativa de Goberno" e "non caer na trampa da polarización" que, na súa opinión, supoña tanto como "destacarse como unha alternativa distinta á que propuña AGE e ao que propuña o PP". "Optaron por insistir na polarización e na crítica ao PP" e iso, ao seu xuízo, contribuíu á aposta da formación de Beiras e dos populares por "utilizarse un ao outro".

"O PP utilizou a AGE como representante da alternativa da oposición, totalizándoa como organización radical"

"O PP utilizou a AGE como o representante da alternativa da oposición, totalizándoa, todo o representaba AGE como organización radical", estratexia empregada polos conservadores, explica, para "mobilizar o seu electorado e desmobilizar a parte mais moderada da esquerda que vota PSOE ou BNG, que son forzas de Goberno". Pola súa banda, detalla, "AGE usou o PP para confrontar e activar o electorado da esquerda como voto protesta". "Non se amosou como alternativa de goberno, senón como oposición contudente e mobilizou moito o descontento".

O futuro

Para Carlos Neira a ese papel de AGE cómpre sumarlle tamén a "desidia" que, dende o seu punto de vista, existiu entre PSdeG e BNG á hora de ofrecer mostras de "boa veciñanza". "Iso castigouno" o seu potencial electorado, afirma, nun contexto no que ve a Alternativa como "gañador circunstancial" ao que agora se lle presenta a oportunidade de "optar a liderar o proceso" de construción dunha alterantiva ao PP, "porque é a única forza que medra na Galiza dinámica, urbana e moza" e foi tamén "a única que foi quen de restarlle forza á abstención. Así e todo, o proceso de construción dese polo oposto ao PP debe pasar, segundo a súa análise, por "unir a toda a esquerda", "forzas estatais e non estatais" que se unan en base a "contidos" e teñan en conta que "o PP perdeu moitísimos votos, pero a esquerda perdeu máis". 

"O PP perdeu moitísimos votos, pero a esquerda perdeu máis"

En opinión de Martínez Hidalgo aínda é "sociopoliticamente moi arriscado" falar do papel que pode xogar AGE no futuro, porque en termos electorais "non existe", senón que "existe Xosé Manuel Beiras, a súa traxectoria persoal e o que el representa". Moito do electorado de AGE, di, "mobilizouse porque Beiras lle pediu qeu se mobilizase". Por iso, abonda, "agora a AGE chégalle a hora de preparar o post beirismo, que é o máis complicado porque non existe un líder alternativo".

Pachi Vázquez, nun mitin no Carballiño CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, nun mitin electoral do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Beiras, nun mitin en Monforte CC-BY-SA AGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.