"Devolvemos a ilusión á xente; na Coruña o domingo pode pasar algo moi grande"

Xulio Ferreiro, nun acto de campaña na Coruña © Marea Atlántica

Apurando xa os últimos días da campaña, Xulio Ferreiro repite varias veces a palabra "ilusión", a que di atoparse nas rúas da Coruña e a que el e a súa candidatura teñen ante un domingo no que, cren, "pode pasar algo grande". Mantén a prudencia pero sabe que a Marea Atlántica está en disposición de liderar unha alternativa ao PP na cidade. 

Vese como alcalde da Coruña?

Esas cousas non se pensan aínda. Só estou pensando en seguir traballando de aquí ao domingo para ter o mellor resultado posible nas eleccións. É unha posibilidade que está aí e que é real, o que nos fai estar satisfeitos porque confirma a hipótese coa que naceu a Marea Atlántica hai xa case un ano. Queríamos ter opcións reais de gobernar e témolas, pero non podemos poñer o carro antes dos bois. Primeiro teñamos un bo resultado e logo veremos. 

"A ilusión é o que marca esta campaña electoral na Coruña, unha ilusión que sobe exponencialmente cada día"

Fai referencia sempre á ilusión que percibe nesta campaña, diferente a calquera outra nos últimos anos na Coruña...

Sen dúbida. Iso é o que marca esta campaña na Coruña. Ademais, esa ilusión subiu exponencialmente cada día e o acto ateigado do Palexco supuxo un impulso moi grande pola ilusión que se respirou e pola cantidade de xente que foi. Había ilusión tanto nos que estaban dentro como nos que quedaron fóra. Nos actos de barrio atópome tamén con esa ilusión. Nun dos últimos, xente maior achegouse para darme as grazas por térllela devolto. Tamén xente nova que me dicía que nunca lles interesara a política pero que agora si están esperanzados. Isto é o que de verdade dá forza e fai pensar que aquí o domingo pode pasar algo moi grande. 

Nos seus actos hai xente moi nova, pero tamén xente de mediana idade e anciáns. É iso un bo síntoma para a Marea?

Anima moito. E os comentarios desta xente maior son case sempre os mesmos: que tiveran moita ilusión nos 80 e que agora están absolutamente decepcionados, ás veces mesmo con eles mesmos por non ter seguido participando ou terse acomodado por pensar que estaba todo feito. A Marea Atlántica fixo que se reenganchasen. Quedei cunha frase que me dixo un señor: "Xa son maior e pensei que nunca máis me ía ilusionar. Douvos as grazas". 

"A Marea Atlántica está permitindo sacar á luz esa Coruña real que non é a visión que moitos teñen fóra"

O acto multitudinario, a ilusión que percibe... Insiste en que a Marea é ese voto rebelde, da Coruña afastada dos tópicos.

A Marea está permitindo sacar á luz ese coruñés de verdade que temos dentro, esa Coruña real que non é a visión que moitos teñen fóra. A min pasábame de neno, sobre todo, cando saía da cidade e me explicaban como vían o lugar onde vivía; eu nunca me recoñecía nesa Coruña que non era a que eu vivía ou, cando menos, non era a do barrio dos Mallos onde me criei. Esa Coruña de barrio séntese orgullosa de ser coruñesa e de que A Coruña poida ser doutro xeito. 

"Co acto do Palexco quixemos visualizar a confluencia; que a xente teña claro que a Maera non só é unha iniciativa cidadá, senón de unidade"

O acto no Palexco semellaba importante para visualizar o apoio de Podemos, as forzas de AGE ou EQUO; mesmo empresas de sondaxe recoñecían non hai moito que había xente que non identificaba eses partidos coa Marea Atlántica.

Esa era a intención, que se visualizase a unidade. Que aquelas persoas que querían votar a Podemos, a AGE, a CxG ou a Espazo Ecosocialista visen que o seu voto era a Marea Atlántica. Ese obxectivo conseguiuse porque a xente xa ten moi claro que a Marea non só representa unha iniciativa cidadá, senón unha iniciativa de unidade, a que puido visualizarse nun acto sen fisuras e sen problema ningún. O impulso nas enquisas a partir do martes aquel seguro que ten que ver moito con isto. 

Falando de enquisas, como as toma? Con ilusión? Con prudencia?

Con prudencia. As enquisas teñen que servir para ler tendencias e vemos que estamos en ascenso desde que comezou a campaña. Todos os inquéritos dan a mesma tendencia, que a Marea foi subindo en intención de voto cada día. Que iso se traduza en 7, 8 ou 9 concelleiros, pois xa o veremos. Non nos podemos fiar e temos que estar tranquilos. 

"Todas as enquisas amosan que a intención de voto á Marea subiu cada día, pero non nos podemos fiar"

Someso, a Pokémon, o Ofimático, as obras da Mariña... Cre que as forzas políticas puxeron énfase dabonda nestes conflitos?

A xente xa era moi consciente destes conflitos. Ninguén agardou á campaña electoral para enterarse do que pasou en Someso ou para decatarse de que as obras da Mariña deberían ter sido analizadas para ver se esa cantidade de cartos tiña que ser gastada niso ou non. O da Pokémon chegou a ter máis derivadas mesmo durante a campaña, pero é unha trama cuxas informacións veñen de antes... A xente xa era moi consciente do que pasaba. Insistimos niso, pero tamén quixemos facer unha campaña propositiva, porque non é só estar fartos do que están a facer os outros, que o estamos, senón visualizar que hai outra forma de facer as cousas, que é a que representa a Marea Atlántica. 

Entre as críticas que máis recibiron está a de cualificalos de "inexpertos". 

Somos expertos en moitas cousas. Sabemos facer as cousas ben, non só os membros da candidatura, senón os centos de persoas que nos axudan e colaboran na Marea, así como os que desde movementos sociais, veciñais e sindicais estiveron facendo ben as cousas durante moito tempo. Unha proba de que se saben facer as cousas ben é que chegamos até aquí. Se non tivesemos capacidade de construír xuntas, iso sería impensable. Se somos alterantiva ao PP é porque facemos as cousas ben; se sacamos un xornal gratuíto feito de maneira voluntaria e cun bo resultado, tamén é porque sabemos facer as cousas ben... As nosas historias persoais, profesionais e de activismo están aí e non somos máis parvos dos que nos están gobernando. 

"O que menos esperas dunha campaña electoral é a montaña rusa emocional que supón"

Logo de vivir unha campaña, cambia un a súa concepción da política e dos procesos electorais?

Cando estás fóra entendes que deben ser momentos intensos. As horas e o tempo que lle tes que dedicar eran esperables, pero ao sufrilo nas túas carnes é diferente. Quizais o que menos esperas é a montaña rusa emocional que supón unha campaña, con momentos moi emocionantes, sobre todo cando a xente se te achega para transmitir as súas sensacións. Un ten o seu corazonciño e todo isto afecta emocionalmente, sobre todo no positivo, pero tamén hai momentos menos bos. O aspecto emocional é para o que menos preparado estás. Ada Colau díxome un día: "Xulio, isto non está feito para xente normal". E iso é certo. Unha campaña electoral e mesmo unha carreira política non está pensada para xente normal, senón para quen ten unha grande estrutura de partido detrás, con moitos liberados, con moito diñeiro para xente que está a facer cousas para que o candidato chegue e poña a cara... Pero a nosa forma de facer non é esa. Estamos facendo isto coas nosas mans, cos nosos recursos, co traballo voluntario de moitas persoas. Isto fai as cousas moi difíciles, pero tamén máis ilusionante. 

"Unha campaña ou unha carreira política non está pensada para a xente normal, senón para quen ten unha grande estrutura de partido detrás"

Daquela, da man de todos estes procesos cidadás, virará a política en algo máis normal, máis da xente?

Esa é a nosa responsabilidade a partir de agora: facer as cousas diferentes tamén cando cheguemos ás institucións. Teremos que demostrar que podemos facer as cousas de xeito distinto, ser persoas normais, con responsabilidades políticas, pero facendo as cousas que faciamos antes. Seguir indo en bus, indo a facer a compra, tendo tempo para a familia... Isto é difícil porque a política é esixente e os veciños vanche esixir estar aí, pero o traballo en equipo e colectivo que fixo a Marea até o de agora ten que ser o que marque o noso labor e o doutros procesos cidadáns a partir do 24 de maio. 

A cooperación con Barcelona en Comú e Ada Colau ou con outros procesos como Compostela Aberta parece que tamén axudou a visibilizar máis a Marea Atlántica.

Cooperamos con Barcelona en Comú ou con Compostela Aberta sen necesidade de ter unha unidade orgánica. Temos procesos de cooperación baseados en confianza persoal, en semellanzas nos proxectos... Pertencemos a un mesmo ciclo político e a uns procesos que xorden en moitos lugares do Estado froito de situacións moi semellantes: corrupción, quebra do estado de cohesión social, de perda de identidade das nosas cidades, da busca da confluencia... Atópaste cómodo xunto a xente que actúa nas mesmas claves que ti estás actuando. 

"É hora de que forzas que non están na Marea decidan se seguen pensando nos seus intereses de aparato ou se se poñen ao lado da xente"

Sei que non me vai falar de posibles pactos, pero se non hai maiorías absolutas como parece, non vai quedar outra que chegar a acordos, que sensacións ten?

Parece claro que se abrirá un escenario sen maiorías absolutas e aquí repito o que dixemos sempre, que na Coruña vai haber dúas opcións: a do PP dos recortes sociais, da austeridade, da resignación e sen alternativa; e a que representa a Marea Atlántica, a ilusión por conseguir unha política diferente e por poñer as institucións ao servizo da xente. As demais forzas políticas terán que elixir se se colocan do lado do establishment e do poder establecido ou do lado da xente. E se van esquecer, como fixeron as forzas que conflúen na Marea, os seus intereses partidistas e de aparato para favorecer a xente. Na Marea tivérono claro. É hora de que forzas políticas que non están na Marea tamén tomen esa decisión, se van seguir pensando nas súas identidades políticas e nos seus intereses de aparato ou se se van poñer do lado da xente. 

A lei electoral restrinxe a marxe de manobra para pactar novos gobernos municipais, que terán que constituírse o 13 de xuño. Non hai moito tempo, así que os partidos deberían telo bastante claro xa...

Entendo que o terán claro... Ou non, non o sei. Iso compételles a outras forzas. Nós témolo claro desde hai meses. Poñeremos enriba da mesa metodoloxías de goberno, códigos éticos, liñas programáticas xerais e medidas concretas e alí onde se acepte iso, haberá acordo, un acordo que terá que ser referendado pola xente da Marea Atlántica e polas persoas que participaron nas primarias. Esa é a nosa metodoloxía e eses son os nosos criterios. O que estou é agardando a escoitar os demais. 

A piques de rematala, que foi o máis duro da campaña?

Pasar tanto tempo fóra da casa e non ter tempo para estar cos meus, iso é o que máis me está costando. 

"Nunha campaña xa contas co xogo sucio, as cambadelas e os problemas; manter a cabeza fría é o máis duro neses momentos"

E durante a propia campaña, no traballo diario da política?

Hai cousas coas que xa contas. Contas co xogo sucio, con que te van poñer cambadelas e que vas ter problemas. Nunca sabes cal vai ser a túa reacción anímica a todas estas cousas, a que che saquen un titular na prensa que faga dano... O máis duro é iso, reaccionar a estas cousas e manter a cabeza fría e ver o panorama completo e máis aló de circunstancias. 

Vostede é moi deportivista. Hai catro anos, un sábado descendeu o Deportivo e o domingo o PP obtivo a maioría absoluta na Coruña. Que vai pasar desta vez?

Será todo ao revés. Non me cabe ningunha dúbida. Ningunha. 

Xulio Ferreiro, nun acto de campaña na Coruña © Marea Atlántica

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.