Dez dimisións abocan a Podemos Galicia a escoller nova dirección

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Podemos Galicia terá que elixir nova dirección. As tensións internas vividas na última semana veñen de desembocar na dimisión de dez membros do Consello Cidadán Galego, entre elas as dos deputados no Congreso por En Marea Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, así como do senador José García Buitrón. Estas renuncias, unidas ás das últimas semanas, deixan a dirección galega do partido, encabezada ata agora por Breogán Riobóo, sen membros dabondo para seguir adiante, polo que unha xestora pasa a conducir a organización ata a elección de nova directiva.

O secretario estatal de organización, Sergio Pascual, vén de ratificar que estas dez dimisións, "sumadas ás nove que xa tiñamos" no Consello Cidadán Galego "e a outras tantas no Consello de Coordinación" provocan unha situación que "require a convocatoria, o antes posible, dun proceso electoral" interno. Este proceso, aclara, implicará a "renovación de todos os órganos", polo tanto, tamén da secretaría xeral, "na maior brevidade posible".

Un "equipo técnico" nomeado dende o Consello de Coordinación, aclara Pascual, será o que "se encargue" de organizar o proceso, toda vez que a dimisións previas "de dous membros da comisión de garantías, que se suman a dous membros que xa dimitiran", deron lugar ao "decaemento automático" deste órgano. Así as cousas, "sen órganos atopámonos nunha situación especialmente difícil" en Galicia, máis aínda tendo en conta, salienta, que neste 2016 se celebrarán eleccións.

A dirección estatal de Podemos ratifica a apertura inmediata dun "proceso electoral" interno pilotado por un "equipo técnico" nomeado polo Consello de Coordinación

O equipo de Pablo Iglesias expresa agora a súa confianza en que a elección dunha nova dirección xere "novas lexitimidades e confianzas" e peche "feridas públicas" nun contexto que estivo marcado pola tensión nas últimas semanas, especialmente dende que o aínda secretario xeral decidise varios cesamentos e nomease unha nova Executiva. Fronte as críticas internas Riobóo defendera estas remudas como "naturais" e esgrimira o seu liderado ao advertir aos discrepantes de que os cambios foran aprobados por "maioría absoluta" dos organismos internos correspondentes.

As críticas de Riobóo ao artellamento de En Marea foron o pano de fondo das destitucións que promoveu

Como pano de fondo destas situacións críticas está a análise que Riobóo veu realizando a respecto das eleccións xerais, do funcionamento de En Marea e do futuro de Podemos cara ás eleccións galegas. Así, mentres os cargos electos pola plataforma e o propio Pablo Iglesias seguiron a apostar pola fórmula da confluencia tamén para a Cámara galega, o secretario xeral expresou os seus receos ao respecto, abrindo a porta á concorrencia en solitario. 

Neste escenario, restan saber os prazos do proceso para a elección da nova directiva e tamén os nomes das persoas que concorrerán ao Consello Cidadán Galego e á propia secretaría xeral. Segundo as fontes consultadas por Praza Pública, estas incógnitas iranse despexando nos vindeiros días, nos que algúns dos membros dimisionarios aclararán, asemade, os motivos concretos das súas dimisións.

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.